Nova edición do ciclo de teatro PoioEscena
A Concellaría de Cultura ven organizando o Ciclo de Teatro PoioEscena desde o ano 2010. Na edición do ano pasado, o ciclo ampliouse, pasando de celebrarse no mes de novembro a contar cunha programación anual, e extendéndose a outras parroquias como Samieira e Combarro, coa intención de levar o teatro a máis sitios e tamén de achegar máis público ao teatro.
Deste xeito optimizamos recursos e ampliamos a oferta cultural no municipio, cunha extensa e variada programación de 12 representacións ao longo do ano, o último venres de cada mes ás 21 h., repartidas entre Raxó (Centro Cultural Xaime Illa), Samieira (Casa do Pobo de Río de Bois) e Combarro (Salón de Actos da Comunidade de Montes).
Isto foi posible grazas a aunar os esforzos e o traballo das tres asociacións organizadoras, a SCD Raxó, a SCD Samieira e a ACDeM Armadiña de Combarro, coa coordinación da Concellaría de Cultura e o patrocinio do Concello de Poio. Estas asociacións viñen organizando con anterioridade representacións teatrais nas súas respectivas localidades.
Colaboran tamén as Comunidades de Montes Rega do Can de Samieira e Rega dos Agros de Combarro cedendo as súas instalacións para levar a cabo as representacións nestas localidades.
Esta coordinación posibilitou a boa marcha desta iniciativa, xa que só coa súa participación será posible poñer en escena estas 12 representacións, de temática e xénero variado, a un prezo razonable de que vai dos 50 cent. aos 3 €, para contribuír aos custes de desprazamento e montaxe dos grupos de teatro afeccionado.
O PoioEscena 2013 tivo unha excelente acollida de público, contando cunha media de asistentes de 70 persoas por obra, e varias delas superando o centenar de asistentes.
A motivación de PoioEscena nesta 5ª edición é o mesmo obxectivo polo que naceu: fomentar o interese do público xeral polo teatro e contribuír á promoción e difusión das artes escénicas en galego, dando a coñecer o traballo feito na Galiza por grupos de teatro afeccionado.
Para esta 5ª edición, volverase contar cos grupos de teatro afeccionado de Poio. No ano pasado naceron en Poio dous novos grupos, o grupo Miúdo de Samieira (que xa estreou en setembro) e o grupo Armadiña de Combarro, que participará na edición deste ano, así como o grupo Lúa Chea de Benestar Social, que xa ten actuado en anteriores edicións.
Preséntase a programación en dous semestres, xaneiro-xuño e xullo-decembro. Póderase consultar o programa completo para cada semestre na axenda cultural da páxina web municipal do Concello de Poio, no perfil de facebook de Cultura e na páxina de facebook de PoioEscena.
Para a realización do Ciclo de Teatro PoioEscena 2014 proponse a Comisión de Cultura a aprobación dun orzamento de 1500 €.