publicidade hoxe

Negreira percibe máis de 83.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNegreira
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración

Sinatura do convenio de colaboración

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Negreira, Juan Rey, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 83.419 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nun encontro de traballo co rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que consistiron na execución dun proxecto para reformar e substituír o alumeado público da avenida das Brañas baixo criterios de aforro enerxético e de mellora da eficiencia. Do mesmo xeito, nesta vía tamén se levou a cabo a instalación de nova sinalización viaria utilizando as enerxías renovables.

Doce municipios das comarcas da Barcala, Arzúa, Sar, Terras de Melide e beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que doce concellos das comarcas da Barcala, Arzúa, Terras de Melide e Xallas (Arzúa, Boimorto, Dodro, Melide, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Sobrado dos Monxes, Toques, Tordoia e Touro) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman 181,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que sete deles dispoñen de máis de 36.000 metros de liñas de conexión. En total, recibirán algo máis de 323.000 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

3 de xaneiro de 2014 | 11:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.