Negreira destaca que o título máis importante é o que garanta que o Deportivo resolva a súa situación económica
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, destacou esta mañá “a transición exemplar á fronte do Deportivo” que se viviu o pasado martes coa elección, co apoio do máis do 70% dos votos, de Tino Fernández como novo presidente do Real Club Deportivo da Coruña.
“O Deportivo viviu unha boa semana. Cunha inmensa maioría, a Xunta de Accionistas permitiu que o equipo salga reforzado cunha imaxe clara de unidade. Despois dunhas eleccións que por momentos se presentaron mesmo duras, púidose culminar cunha demostración de forza e un proceso electoral exemplar”, explicou Negreira, e engadiu: “Unha vez máis, a afección non só gaña no campo senón que tamén demostraron que como accionistas tamén saben xogar”.
O rexedor, que quixo trasladar a súa felicitación á nova Xunta Directiva e ao seu presidente, destacou tamén a importancia de resolver a situación económica “para poder centrarnos exclusivamente o o aspecto deportivo”, lembrou.
“Gustáronme as palabras de Fernández que nos trasladou que temos Deportivo para moito tempo e que entre todos imos conseguir non só o éxito deportivo senón o económico. Ese é o gran título que ten que conseguir o Consello de Administración: salvar economicamente ao equipo e canalizar a difícil situación que vivimos estes meses e que mesmo chegou a ser crítica nalgún momento”.
Carlos Negreira destacou que xa se están producindo os primeiros encontros para a procura desas solucións: “O Deportivo móvese. Espero que nas próximas semanas vaiamos coñecendo noticias positivas que pechen o capítulo económico e poder centrarnos nese capítulo deportivo e ese ascenso que tanto merece a afección”.











