Neda prepara festas de Entroido para xóvenes e maiores do municipio
O Concello de Neda avanzou esta mañá algunas das propostas que levará a cabo con motivo do Entroido 2014, que celebrará os días 28 de febreiro e 2 de marzo. Entre unha e outras data, o 1 de marzo, a real vila volverá a acoller a súa tradicional Xuntanza de Palilleiras, tras un paréntese dun ano. Así as cousas, a primeira cita no calendario será o Baile de Entroido para a Terceira Idade. Organizado pola Concellería de Servizos Sociais, terá lugar no Centro Cívico Ramón Millarengo o venres, 28 de febreiro, a partires das 18 horas. Estará amenizado polo grupo musical La Clave e contará con degustacións de productos típicos destas datas, tal que freixós, orellas, lacón… Como vén sendo habitual neste tipo de citas, a entrada terá un prezo único de dous euros e, esta, dará dereito a participar nos diferentes sorteos de productos gastronómicos que se levarán a cabo no transcurso do baile.
Ao día seguinte, 1 de marzo, Neda invita a veciños e visitantes a unha nova edición do Encontro de Palilleiras, organizado pola asociación local Filigrana en colaboración co Concello. As demostracións en directo sucederánse tanto en horario de mañá como de tarde, con entrada libre, no pavillón polideportivo San Isidro. Deste xeito, Neda volve a retomar este evento despois de que no 2013, por mor das obras de acondicionamiento que levou a cabo o Concello nestas instalacións deportivas, non fose posible a súa celebración. Agora, a Administración local procederá a cubrir a superficie para evitar danos no parquet e, así, retomar o encontro.
Precisamente, e aproveitando que se leva a cabo esta operación, a Concellería de Cultura organizará no mesmo pavillón a Festa infantil de Entroido, en horario de tarde. Deste xeito, a Administración local evita, como no 2013, o aluguer de carpas para celebrar esta cita, multitudinaria ano tras ano. Con entrada libre, haberá xogos e talleres para os máis pequenos.











