Nas próximas semanas iniciarase a obra de ampliación da Escola Infantil da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, comunicou ao Concello da Laracha que nas próximas semanas está previsto que se inicien as obras de ampliación da escola infantil pública, unha vez se faga efectiva a sinatura do contrato coa empresa adxudicataria que se está a tramitar nestes momentos.

O pasado día 9 de xaneiro anunciouse a resolución da xerencia do Consorcio pola cal se adxudicaba a execución do proxecto a Ogmios Proyecto, S.L. por un importe de 357.356,83 euros (IVE engadido) ao ter presentado esta empresa a oferta máis ventaxosa segundo os criterios establecidos no prego de cláusulas administrativas. O aforro con respecto ao prezo máximo de licitación ascende a uns 19.000 euros.

A obra será cofinanciada polo Concello da Laracha e a Xunta de Galicia ao estar incluída no Plan Educa3. Os orzamentos municipais para o presente ano 2014, aprobados polo Pleno no pasado mes de decembro, xa contemplaban –no capítulo de investimentos reais- unha partida económica coa que se sufragará a achega municipal. 

A escola infantil pública da Laracha, integrada na rede A Galiña Azul, comezou a funcionar no ano 2008 na céntrica rúa Río Anllóns da capital municipal. Actualmente a infraestrutura conta con cinco módulos –con capacidade total para 74 nenos-, habilitados todos eles nun mesmo edificio de planta baixa que tamén dispón doutras estancias, como unha sala de estar, comedor, cociña e almacéns. A ampliación realizarase á esquerda do corredor distribuidor, contando a nova parte construída cunha superficie de 288 metros cadrados repartidos en tres aulas, unha sala de profesores e unha área de descanso. Posibilitará acoller a outros 41 nenos máis, pasando a ter o centro unha capacidade total de 115 usuarios.

A maior dispoñibilidade de prazas neste centro suporá unha mellora na xa de por si extensa cobertura en servizos sociais que se ofrece no Concello da Laracha á poboación, un aspecto prioritario para a axenda política do goberno municipal. Durante os últimos anos alcanzáronse logros históricos dirixidos a facilitar a conciliación da vida persoal e laboral dos nosos veciños e mellorar a súa calidade de vida, especialmente de persoas con nenos ou maiores ao seu cargo e tamén para o colectivo da terceira idade.

22 de xaneiro de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.