Nacho Antón mostra a súa última obra “Corks” en Exposalnés
Nacho Antón Arias é un artista plástico que presenta a súa última obra, CORKS (Cortizas), na sala ExpoSalnés, na Oficina de Turismo do Concello. A exposición xa está aberta ao público e baséase no concepto madeira e cromatismo, utilizando materiais cotiáns expostos fóra do seu contexto para a observación e nova interpretación. A carga de cor e variación sutil de cromatismo é base para a súa observación.
Con obra exposta no oitenta en galerías de Holanda e Austria, sufriu un parón na súa carreira motivado pola dedicación a outros traballos artísticos, volvendo o ano pasado cunha mostra na sala Rivas Briones de Vilagarcía.
A exposición poderase ver até o 9 de febreiro, en horario de martes a venres: de 10 a 14 horas e de 16:30 a 19:30h; sábados e festivos, de 10:30 a 14h e de 16:30 a 19: 30h; e domingos, de 10:30 a 14 horas. Domingo tarde e luns pechado.
Eduardo Baamonde
Por outra banda, o pintor afincado en Cambados Eduardo Baamonde, inaugura o vindeiro venres 24 a súa exposición Illas, Faros e Varados, na sala de exposicións do pazo Torrado ás 20 horas.
Respecto das últimas exposicións presentadas en Cambados, entre a retrospectiva de Liño Silva e Sereas, de Mar Cuervo, máis de 1.500 persoas pasaron por Exposalnés e o pazo de Torrado, respectivamente, para contemplar os cadros do pintor cambadés e da fotógrafa viguesa. A maior parte dos visitantes son de Cambados e localidades próximas, aínda que se consignaron visitas de distintos puntos de Galicia e mesmo desde outras comunidades autónomas.











