Mos percibe 40.000 euros do Plan marco para mellorar o Camiño de Arrubial, na zona de Petelos

Bravo Bosh na visita ás obras en Mos
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, visitou esta mañá o camiño de Arrubial, na zona de Petelos, en Mos para comprobar as obras de mellora que se están a executar ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.
Coma explicou Bravo Bosch, o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana resolveu a concesión da axuda solicitada polo Concello de Mos ao abeiro do Plan Marco para executar a pavimentación do camiño de Arrubial, en Petelos, dende as inmediacións da capela de San Amaro ata o matadoiro municipal. O investimento subvencionable pola Administración autonómica é de 40.631 euros mentres que o goberno local faise cargo do pago do IVE.
As obras consisten nunha limpeza das marxes do camiño mais un barrido do firme, no que se estenderá unha capa de 5 cm de espesor de mistura bituminosa. Tamén se porán a cota de rasante 15 tapas de rexistro existentes, dando así por rematada a actuación. A obra conta cun prazo de execución dun mes, co que se espera que estea rematada nas vindeiras semanas.
En definitiva, a través de distintos programas de axudas ao medio rural, o Concello de Mos recibiu nos últimos anos preto de 345.000 euros para diversas actuacións en zonas rurais do municipio. Por poñer un exemplo, realizáronse melloras nos camiños Portelas (Torroso), Carrascal (Dornelas), Quimada (Tameiga) ou no parque de Costoias, entre outros.
Preto de 600.000 euros para a área de Vigo
A través deste programa, a Xunta de Galicia destina preto de 600.000 euros (598.509,06) para levar a cabo ao redor de 30 actuacións en camiños e estradas rurais dos 14 concellos que forman parte da área territorial de Vigo.
O Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 ven a ser unha continuidade do anteriormente coñecido Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) e lévase a cabo mediante axudas convocadas pola Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia (Agader) dirixidas ás entidades públicas locais. Deste xeito, as actuacións que se enmarcan neste programa teñen coma finalidade que a totalidade dos concellos de Galicia se beneficien da mellora das súas infraestruturas básicas incidindo na mellora da calidade de vida da súa poboación rural. O obxectivo é realizar actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal na procura de mellorar os accesos e a comunicación, permitindo incrementar a calidade de vida das zonas rurais e contribuíndo á fixación da poboación no rural e á diversificación económica.
Nos últimos anos, o investimento dedicado ás infraestruturas no eido rural para o ámbito da delegación territorial de Vigo achegouse aos 3 millóns de euros e as actuacións nos 14 concellos centráronse en mellorar as infraestruturas viarias, no acceso a explotacións, reposición de capa de rodaxe, adecuación de camiños e mellora de abastecementos de auga e saneamentos.











