Mos mantén aberto ata o 10 de febreiro o prazo de inscrición para un curso de baile moderno
A concellería de Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón, dende a súa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta un curso práctico de baile moderno no que continuar coa formación deportiva e saudable. Trátase dun curso de 20 clases impartido por profesionais cualificados que se celebrará a partir de febreiro, dous días á semana, luns e mércores, no Pavillón Óscar Pereiro.
A finalidade deste curso de baile moderno é que a través das diversas coreografías se poidan desenvolver capacidades físicas e escénicas, á vez que se comparte un bo rato coa poboación veciña. Outros obxectivos do mesmo son ofertar á poboación mosense actividades que promovan a saúde e o benestar físico e mental, promover actividades de ocio atractivas, creativas e asequibles para a veciñanza, facilitar a participación da poboación xeral en novos espazos de ocio, exercicio e saúde, fomentar as relacións sociais entre a poboación do noso Concello, e promover o coñecemento de novas modalidades artísticas, que ofrezan unha maior variedade de técnicas e métodos para practicar exercicio e mellorar o benestar.
O beneficiarios directos deste programa son os xoves maiores de 16 anos do Concello de Mos, e indirectamente os xoves doutros municipios que estean interesados nesta programación.
A data de comezo desta actividade será o vindeiro 12 de febreiro e a data de remate o día 30 de abril. O horario no que se impartirán as clases será de 21:00 horas a 22:00 horas os luns e mércores. O prazo de inscrición para os interesados en participar estará aberto ata o 10 de febreiro. A lista de admitidos publicarase o 11 de febreiro.
O prezo por participante é de 20 euros, 1 euro por hora. O Concello subvenciona unha parte do custe total do curso.











