Mos acolle unha charla para pais sobre trastornos alimenticios
A edil mosense Kely Monzón informa de dúas actividades educativas que se van realizar este mes organizadas dende a concellería de Educación en horario lectivo, unha no IES de Mos para o alumnado 4º da ESO titulada “Trastornos alimenticios” e que se celebrará o día 13 de xaneiro e outra no CEIP de Castro-Mos (Mestre Martínez Alonso) para alumnos de 4º curso de Educación Primaria titulada “Almorzos saudables” e que se celebrará tamén o mesmo día 13 de xaneiro.
Con motivo da celebración de ambas iniciativas, propúxoselles tanto os pais e nais dos destinatarios das mesmas coma a todos aqueles pais interesados na alimentación dos seus fillos, a participación noutra charla sobre alimentación e trastornos alimenticios que terá lugar novamente o 13 de xaneiro, pero esta vez pola tarde, ás 19.30 horas no CDL mosense.
A actividade para nais e pais será impartida por Abagal, Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia.
Para participar nesta actividade paralela que complementa á desenvolvida polos seus fillos nos seus respectivos centros educativos, os pais interesados deben confirmar a súa asistencia antes do día 8 de xaneiro, enviando o seu nome, apelidos e número de teléfono ao seguinte enderezo: educa@concellomos.es.
Monzón considera fundamental a participación nesta charla de pais e nais dos cativos e adolescentes mosenses, como parte fundamental que son na súa educación. “Consideramos que nesta materia é tan importante o traballo con eles/as, como cas súas familias que no día a día crean costumes e valores que constrúen a súa educación”, declarou a concelleira.
A charla para pais versará sobre nutrición e prevención en trastornos alimenticios e, como se dixo, será levada a cabo pola asociación Abagal, especialista en nutrición, hábitos e trastornos alimenticios. Esta actividade é totalmente de balde











