Monicreques en galego para os escolares de Redondela
O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura desenvolven durante esta semana unha actividade de dinamización lingüística para a poboación escolar redondelá.
“Os bonecos de Tanxarina falan galego” é o título destes encontros didácticos que pretenden o achegamento ao traballo das persoas que se adican á actividade artística con monicreques e ás actividades xerais dunha compañía teatral.
As sesións comezan cun percorrido pola historia da compañía redondelá, á que segue unha exposición e explicación dos tipos de bonecos e as súas formas de manipulación: títeres de luva, sombras chinesas, marotes, marionetas de fíos…, que despois conclúen cun percorrido sensorial e visual a través de pequenas historias do seu repertorio, contadas e faladas polos propios bonecos.
Os obxectivos fundamentais desta proposta son dar apoio e motivación ao teatro que se fai nos centros escolares coa presentación das múltiples posibilidades do teatro de monicreques e a súa posta en escena, e promover o uso do galego na actividade teatral e nas actividades artísticas en xeral.
A programación inclúe sesións matutinas en horario escolar nos auditorios do Piñeiral do Crego de Chapela (o luns e o martes), e no auditorio da Xunqueira de Redondela (de mércores a venres). Nestas sesións participan preto de 1000 escolares, a maioría de ensino primario, pero tamén alumnado de infantil, de primeiro da ESO e do Ciclo superior de Educación Infantil do IES Chapela. Os centros participantes son: EEI A Marisma, CEIP Igrexa – Chapela, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Laredo, CEIP Quintela, CEIP Outeiro das Penas, CEP Santa Mariña, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Santo Paio de Abaixo, IES Chapela e IES Mendiño.
Na vindeira fin de semana esta actividade estenderase á poboación xeral.
O Auditorio da Xunqueira acollerá dúas funcións en aberto, para todas as persoas que queiran participar e todas as idades: o sábado 1 de febreiro ás 12.00 h, e o domingo 2 de febreiro ás 18.00 h. A entrada é de balde, e para asistir cómpre retirar a entrada no propio Multiusos da Xunqueira a partir do xoves 30 de xaneiro.











