Monforte abre o prazo para inscribirse nos xoves de Compadres e Comadres e no Desfile de Comparsas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A delegación de Cultura convoca un ano máis as actividades de Entroido, mantendo así unha importante tradición que conta cunha alta participación nos diferentes actos organizados.

En 2014 a primeira cita co Entroido será o día 20 de febreiro co Xoves de Compadres, o 27 de febreiro celebrarase o Xoves de Comadres, e o día 4 de marzo terá lugar o concorrido Desfile de Comparsas e Disfraces do Martes de Entroido.

Os xoves de Compadres e Comadres contarán con dous premios especiais, un a etnografía e outro á crítica social. O Concello destinará 2.400 €, como máximo, ós premios destas dúas celebracións.

Por outra banda, o Desfile de Comparsas do Martes de Entroido iniciarase na praza da Estación ás 17:00 horas, percorrendo as rúas Calvo Sotelo e Roberto Baamonde para rematar na praza da Compañía.

As modalidades para a inscrición no concurso do Desfile de Comparsas e Disfraces, atendendo ó número de participantes, son:

Adultos

– Individuais/ de 1 a 3 compoñentes

– Comparsas de 4 a 24 compoñentes

– Comparsas de 25 a 50 compoñentes

– Comparsas de 51 a 90 compoñentes

– Comparsas de máis de 90 compoñentes

Infantil

– Individuais/ de 1 a 3 compoñentes

– Comparsas/ 4 compoñentes en diante
 

Poderán participar neste concurso tódalas comparsas e disfraces do concello de Monforte de Lemos tendo opción ós premios establecidos nas bases.

Así mesmo, as comparsas doutros concellos poderán participar no desfile pero sen opción ós premios establecidos para as comparsas locais. Estas comparsas, se o xurado o estima oportuno, poderán recibir outro tipo de premio.

A contía máxima dos premios concedidos neste concurso non poderá superar os 10.700 €, 9.500 € para as comparsas locais e 1.200 € para as comparsas foráneas.

Os actos do Entroido están organizados pola delegación de Cultura do Concello de Monforte de Lemos.

Pódese obter máis información sobre estas actividades na propia Delegación de Cultura (teléfono 982-40-25-01) ou na páxina web do Concello de Monforte de Lemos (www.monfortedelemos.es).

As inscricións para participar no Xoves de Compadres, Xoves de Comadres e Desfile do Martes de Entroido, deben realizarse no Rexistro Xeral do Concello dende o día seguinte á publicación destas bases na páxina web municipal. O derradeiro día para realizar a inscrición será o 19 de febreiro para os Compadres, o 26  para as Comadres, e o 28 para o Desfile, datas sinaladas nas respectivas bases.

Xúntanse as bases dos diferentes concursos e as instancias de inscrición, documentos que tamén poden recollerse no Rexistro Municipal e nas oficinas da Delegación de Cultura.

31 de xaneiro de 2014 | 11:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.