Moflete, Enxuto e Santiago Roma proclámanse primeiros líderes do Trofeo Porto de Marín

Saída da etapa
Puntualmente ás 13:30 horas comezou o pasado sábado na Ría de Pontevedra o IV TROFEO PORTO DE MARÍN de Cruceiros que organiza o Real Club de Mar de Aguete que patrocina a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, Amar (amarradores de Marín) SL, Nodosa e talleres Rivadulla SL, e a colaboración da Deputación de Pontevedra e Concello de Marín.
As previsións meteo non eran nada halagüeñas, xa que a xornada amenceu baixo unha poalla incipiente, escasa visibilidade e ausencia total de vento. Pero pouco antes da hora de saída, na ría de Pontevedra deixou de chover e fixo aparición unha brisa do oeste que despexou a zona e mantívose xa durante toda a xornada cunha intensidade de 6-8 nós. Non estivo mal para a navegación, sobre todo para os que gañaron. Percorridos curtos os que montou o Comité de regata en previsión de que o vento caese en calquera momento. Así, para os ORC de competición o percorrido era de case move millas virando un faro en Bueu e regresando a Aguete, mentres que para os clásicos e menores de 23 pés era de escasamente 4 millas virando a baliza de Morrazán no centro da ría e regreso.
Sensacional saída do CONSTANTE (Golfiño 7,25 – Álvaro Mckinlay – Escola Naval Marín) que lle puxo durante un tempo en primeira posición destacada. Pero a macro cinguida até o faro da Mourisca foi selectiva e pese ao pouco vento, as embarcacións máis pesadas fixéronse coas primeiras posicións en tempo real, caso do MOFLETE, sorprendente pero merecido gañador en tempo real, xa que na popada de volta cara á chegada soubo manterse perfectamente a pesar da vantaxe neses rumbos de deseños máis lixeiros.
Ao final en tempo compensado, que é o que vale, a Clase ORC 1 foi gañada polo MOFLETE (Centurión 47 – Juan Carlos Pérez Olmedo – CN Combarro), seguido a 46 segundos polo SEBRALA (Bavaria 50 – Magin Froiz – RCN Sanxenxo) e o AGUIEIRA I (Sun Odissey 40 – Celestino Campelo – RCM Aguete) a 5 minutos e 27 segundo.
En ORC 2, dominou totalmente o ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – CN Cascais), seguido a 8´43´´ polo MAR DE FRADES (First 31.7 – Joaquin Carneiro – Ro Yatch Combarro) sendo terceiro a BILLA (First 27.7 – Francisco Freire – RCM Aguete) a 11´08´´. O coruñés PIKO NORTE (Bavaria 32 – José Manuekl Castro – RCN Coruña) a pesar de ser un dos grandes favoritos tívose que conformar coa cuarta praza a máis de 24 minutos.
En ORC 3 volveu polos seus foros o SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 – Iñaki Carbajo – CN Beluso), seguido a 06´11´´ polo LIMAY (Bramador 34 – José Luís Smith – CN Beluso) e a 07´05´´ polo SQUID (First 235 – Francisco Lusquiños – CN Portonovo).
En Clásicos o vencedor sen oposición foi o CASSANDRA (Hillary 36 – Fernando Pazó – CN Portonovo) e en menores de 23 piés a PEREGRINA (Puma 23 – Carlos Núñez – Independente).
De todos os xeitos, todo definirase na segunda e última proba que se disputará o vindeiro sábado 1 de febreiro, porque en caso de empate o vencedor é o que o faga na última proba.











