Medio cento de rapaces participarán no Festival de Aninovo da Aula de Música de Oroso
O auditorio do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá mañá venres 3 de xaneiro, a partir das 19:00 horas, a segunda edición de Festival de Aninovo da Aula de Música de Oroso. Un concerto de hora e media de duración e no que participarán medio centenar de rapaces e rapazas do municipio, de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos. A entrada é libre e de balde.
O director da Aula de Música de Oroso, Juan Salgueiro, explica que “será un programa variado, cunha primeira parte de actuacións individuais e unha segunda coa actuación a orquestra infantil e do coro infantil, que interpretarán unha selección de pezas entre as que haberá panxoliñas, moita música galega e tamén pezas actuais e de bandas sonoras”.
A gran maioría dos intérpretes teñen idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, xa que os grupos compostos por rapaces de máis idade prefiren actuar en festivais xuvenís como o Psicotroita, no verán. Aínda así, todos os que asistan ao festival poderán ver tamén a actuación dun dos combos de rapaces de 15-16 anos, que interpretarán un par de pezas.











