Medio cento de nenos participaron en Covas no servizo de ludoteca durante o Nadal
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Igualdade, Verónica Casal Míguez, visitaron esta mañá aos menores que durante estas datas participaron no servizo de ludoteca que se desenvolveu no local veciñal de Covas. Preto de medio centenar de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos foron partícipes nesta actividade que se clausurou hoxe cunha festa infantil para despedir o Nadal.
Así as cousas, o primeiro edil da cidade manifestou a súa satisfacción co funcionamento deste servizo municipal e anunciou o seu compromiso para que volva a realizarse no período de vacacións estivais na zona rural ferrolá. Asemade, o rexedor municipal, que asistiu ao último treito do festival infantil, fixo entrega a cada un dos menores participantes na ludoteca dun diploma e diferentes libros.
Este servizo de ludoteca, dirixido especialmente ás familias do rural, foi iniciado o pasado 23 de decembro e forma parte da programación de Nadal do Concello de Ferrol. Os diferentes obradoiros foron realizados de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas, e destacaron as actividades de manualidades, baile, teatro, fotografía e animación sociocultural. A proposta pretende fomentar a conciliación da vida laboral e familiar así como o desenvolvemento comunitario.











