Medio centenar de persoas inícianse na informática cos cursos do Concello de Ribadumia

A alcaldesa na visita ao curso de informática
A Alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, inaugurou onte martes o curso de alfabetización dixital que o Consistorio puxo en marcha na aula de informática da Casa da Cultura de Ribadumia.
As persoas participantes nos tres grupos que foron constituídos van adquirir nocións básicas en informática, internet e novas tecnoloxías en xeral. Tamén terán oportunidade de profundar na procura de emprego a través das redes sociais e como elaborar un CV con Adobe photoshop. Cada grupo accederá a dúas horas semanais de formación nos próximos dous meses.
Esta xa é a terceira edición destes cursos, co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías a todos os veciños non só para reducir a fenda dixital que aínda existe entre algúns sectores senón tamén para contribuír a mellorar a formación dos desempregados. Nesta edición son maioría as mulleres participantes así como os desempregados, para eles esta é unha oportunidade de reciclaxe persoal e profesional. Os xubilados tamén acoden cada vez máis aos cursos organizados polo Concello.
A Alcaldesa animounos a sacar o máximo partido a este curso que lles vai abrir a porta a un mundo que cada día constitúe unha ferramenta máis básica para a vida cotiá, xa que as administracións e tamén moitas empresas están a converter en dixitais gran parte das súas xestións.











