publicidade hoxe

Medio Ambiente inicia a limpeza e desbroce previa ás obras de estabilización na estrada AC-550 en Muros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuros
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia hoxe os traballos para a estabilización do noiro da AC-550 ao seu paso polo Concello de Muros, onde na madrugada do pasado sábado 18 de xaneiro se rexistrou un desprendemento. As obras de emerxencia que executará a Axencia Galega de Infraestruturas executaranse nun treito de 1.500 metros entre os puntos quilométricos 38+000 e 39+500 en dúas fases.

As obras, cuxo custe non superará os 500.000 euros, comezan pola zona máis sensible, que é na zona onde se produciu o desprendemento, no quilómetro 38, e consistirán no despexe e desbroce da cabeza do noiro; desmonte e retaluzado dos 2-3 metros superiores, saneo e retirada de bloques soltos, para a continuación realizar o drenaxe e bulado do noiro. Os traballos seguirán coa colocación de malla de aceiro de tripla torsión e gunitado. Durante o desenvolemento das obras realizarase un seguimento xeotécnico completo.

Para a execución destes traballos será necesario un período aproximado dun mes e medio. Para a realización dos mesmos será preciso realizar desvíos de tráfico, que serán sinalados convenientemente.

O persoal da Xunta e especialistas desprazados, ao día seguinte do suceso, concluíron na necesidade de levar a cabo unha obra de emerxencia para a estabilización dos noiros da estrada AC-550, despois da inspección realizada para determinar as medidas a tomar. Grazas a esta inspección, determinaron que o noiro presenta zonas con buzamentos desfavorables, fracturación e topografía variable que, xunto coas fortes choivas que se están a producir, provocou a presenza ao longo deste quilómetro e medio varias zonas de inestabilidade, con cuñas e/ou bolos con risco de rotura e desprendemento, o cal compromete seriamente a seguridade viaria.

Compre lembrar que o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou o día do suceso o concello de Muros para supervisar a retirada do material desprendido presente na calzada

Ese mesmo día, a maquinaria pesada (camións e retroexcavadoras) achegouse ao lugar para proceder á retirada das rochas e habilitouse un paso alternativo polo treito da estrada antiga, que está a facer a modo de variante, regulando o tráfico por medio de semáforos.

21 de xaneiro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.