Maside acollerá a terceira proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross
O domingo 26 de xaneiro (11:00 horas) celebrarase o IV Duatlón Cross Concello de Maside, que é a terceira proba do Circuíto Galego. En total hai 132 inscritos nesta proba.
Entre os favoritos para facerse co triunfo podemos destacar a Brais Misa García (licenza de 1 día), Marcos Mayo Figueira (Ciclismo Tríatlon Monteabaixo) e Miguel Ángel Arias Villajos (Team Corbelo). Brais Misa gañou a primeira proba do circuíto e foi sexto na segunda, mentres que Marcos Mayo foi o segundo clasificado en Beariz por detrás de Gustavo Rodríguez (que non estará en Maside). Pola súa banda, Miguel Ángel Arias foi terceiro en Beariz.
Na categoría feminina, cunha curta participación, Verónica Montes (Trinity Tríatlon) parte como gran favorita. Montes gañou en Ribadumia e foi segunda en Beariz. Nesta proba non estará Aida Valiño (que gañou en Beariz con moita superioridade) nin Priscila Suárez, que caeu lesionada a semana pasada.
Os participantes terán que correr 6 quilómetros, facer 20 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pe. A proba comezará na Alameda de Maside e o circuíto de bicicleta discorrerá nun 85 por cento por montaña, pola paraxe natural do Puzo do Lago.
O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por cinco probas:
Ribadumia, Beariz, Maside, Candeán e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), xúnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Ribadumia resultaron vencedores Brais Misa e Verónica Montes, mentres que en Beariz os gañadores foron Gustavo Rodríguez e Aída Valiño.