Máis dun millar de persoas participarán na XXXI Carreira Popular de San Xiao en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+

Máis dun millar de persoas participarán pasadomañá, día 12, na XXXI Carreira Popular de San Xiao. Unha proba que servirá para arrincar o calendario deportivo organizado polo Concello de Ferrol para este ano 2014. A carreira dará comezo ás 11:00 horas nas inmediacións do pavillón municipal de Esteiro e descorrerá polas rúas do centro urbano da cidade. As categorías establecidas, tanto masculinas como femininas, son a absoluta – para aqueles que nacerán no ano 1998 e anteriores- e a escolar -dividida en benxamín, alevín, infantil e cadete-. Así mesmo, tamén haberá unha categoría específica para persoas con mobilidade reducida.

No que atinxe ao circuíto, os participantes na categoría absoluta terán que percorrer unha distancia de 10 quilómetros polo termo municipal ferrolán. Concretamente, polas Avenidas de Esteiro e Vigo, estrada de Circunvalación, rúas Mac Mahón e Taxonera en dirección á rúa Irmandiños. Así, neste punto entrarán no Arsenal Militar pola Porta do Dique para saír pola Porta do Parque (fronte á praza Vella) e continuar pola Costa de Mella, rúas da Igrexa, Rochel, Magdalena, Real, Galiano, Dolores e María ate a praza de España, onde se collerá novamente a Avenida de Vigo, estrada de Circunvalación, rúas Mac Mahón e Taxonera e a Avenida de Esteiro para voltar ao lugar de inicio, o polideportivo de Esteiro. No caso dos escolares, o percorrido redúcese a 2.700 metros nas categorías infantil e cadete; e a 900 metros, nas de benxamín e alevín.

A XXXI Carreira Popular de San Xiao servirá tamén para inaugurar o I Circuíto de Carreiras Populares “Corre por Ferrol-La Voz de Galicia”. Este circuíto incluirá probas como a Ruta do Naval, a Carreira Nocturna ou o Memorial Adolfo Ros, entre outras.

Plan de tráfico con motivo da carreira

Por outra banda e con motivo da Carreira Popular de San Xiao, será activado un plan específico de tráfico que garantirá a seguridade dos participantes na mesma e que pechará á circulación diferentes rúas dos barrios de Esteiro e A Magdalena. Esta restrición temporal será efectiva de 11 a 14 horas do domingo, día 12.

As vías afectadas polo percorrido da carreira na zona da Magdalena e polo tanto que sufrirán cortes ao tráfico son: praza de Galicia; rúa Irmandiños; rúa Costa de Mella; rúa Igrexa; praza Callao; rúas Rochel, Magdalena, San Diego, Real, Galiano, Dolores, María; e tranversais. Así mesmo, as rúas afectadas en Esteiro son: Vázquez Cabrera, San Ramón, Españoleto, avenida de Esteiro, avenida de Vigo, Circunvalación, Taxonera e Mac-Mahón. Ademais, segundo informou a Policía local, os vehículos estacionados nas vías afectadas polo paso da carreira terán que esperar a autorización do axente policial ou do voluntario de Protección Civil máis próximo para incorporarse á circulación.

10 de xaneiro de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.