Máis de 200 alumnos ourensáns coñecerán a importancia das abellas e a apicultura tradicional na Semana do Mel
Alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria do CEIP Otero Pedraio iniciaron esta mañá o ciclo de actividades que a Concellería de Educación desenvolverá entre hoxe e o mércores con motivo da Semana do Mel. Os alumnos recibiron unha charla levada a cabo por un apicultor profesional, e participaron en traballos colectivos, coñecendo a importancia das abellas no mundo, e as consecuencias da súa posible desaparición, así como as claves da apicultura tradicional e a relación do home coas abellas.
Un total de 204 alumnos de Primaria, ESO e Bacharelato de seis centros educativos da cidade participarán nesta actividade, que terá lugar durante as mañás do luns, martes e mércores. Os obxectivos da mesma son os seguintes:
– Traballar e aprender o marabilloso mundo das abellas.
– Estudar unha colmea e recoñecer ás abellas, como se reproducen e que actividades realizan, como se desenvolve unha comunidade onde se traballa sen descanso.
– Coñecer os produtos cos que nos obsequian as abellas, e obter o seu propio mel.
– Coñecer as propiedades do mel, tanto nutricionais como terapéuticas: facilita a dixestión, laxante suave, propiedades sedantes, etc.
Así mesmo, dentro das actividades incluirase un obradoiro no que os participantes confeccionarán velas.
As charlas impartidas xirarán en torno ao traballo de “Abella Lupa”, unha Sociedade Agraria de Transformación que nace cun dobre propósito: ser un proxecto destinado á produción ecolóxica de mel, e a recuperación e divulgación do patriminio cultural asociado á apicultura en Galicia. “Abella Lupa vén de acadar o primeiro premio do concurso da Rede Emprendeverde, convocado pola Fundación Biodiversidad, e escollido entre 190 a nivel estatal “pola súa contribución ao desenvolvemento da economía sostible”.











