Máis de 1.000 cativos participaron nos programas lúdicos de Ames en 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Os programas lúdicos, destinados a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, son un dos sinais de identidade do Concello de Ames. Trátase de programas moi consolidados e con gran aceptación entre a cidadanía amiense, como o demostra o feito de que ao longo de 2013 un total de 1.034 nenos e nenas participasen nalgunha destas iniciativas. Estes programas, coordinados pola Concellería de Educación, pretenden ser unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo no tempo de vacacións escolares, permite aos pais e nais conciliar a vida laboral e familiar. A estes datos súmanse os máis de 1.570 usuarios que están inscritos nos servizos complementarios (Bos Días Cole, Tardes Divertidas, Psicomotricidade e rede de comedores escolares) durante o actual curso 2013- 2014.

Na xornada de hoxe, e unha vez rematadas as vacacións, finalizou tamén no Concello de Ames o programa Nadal Lúdico, grazas ao cal, dende o 23 de decembro e ata o 8 de xaneiro, os pais con nenos/as entre 3 e 12 anos puideron conciliar a súa vida laboral e familiar. Deste xeito, un total de 172 nenos e nenas tiveron a oportunidade de gozar das actividades e obradoiros deste programa, que tiveron por obxectivo mantelos entretidos e ocupados, mentres que os pais e nais estaban traballando.

Máis de 1.000 nenos e nenas en 2013

Os lúdicos do Concello de Ames están repartidos en catro temporadas ao longo de todo o ano (Primavera, Xuño, Setembro e Nadal). Durante o 2013 un total de 1.034 usuarios participaron nos programas lúdicos (Primavera 133, Xuño 189, Setembro 166 e Nadal 172). Estes programas vense reforzados coa Escola de Verán que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto. Este servizo pretende ser unha alternativa para que os cativos pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. O ano pasado neste programa participaron un total de 374 usuarios. Estes programas (os lúdicos e a Escola de Verán) están dirixidos aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria.

Os programas desenvólvense en Bertamiráns e no Milladoiro nos locais habilitados polo Concello. En Bertamiráns as actividades desenvólvense para todos os cativos e durante todos os horarios no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na EEI do Milladoiro e no pavillón polideportivo.

8 de xaneiro de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.