Lousame saca a licitación a explotación do albergue de Toxosoutos
O BOP de hoxe venres publica o anuncio de contratación da licitación por parte do Concello de Lousame da explotación do albergue de Toxosoutos, que terá lugar mediante a modalidade de contrato administrativo especial. Trátase dun procedemento aberto que ten por obxecto a explotación e xestión do albergue, do restaurante, do bar e do entorno do mosteiro de Toxosoutos, cedido ao Concello de Lousame polo Arcebispado de Santiago de Compostela. Unha concesión polos vindeiros 10 anos que “permitirá poñer en valor un dos espazos de maior riqueza paisaxística e patrimonial de Lousame”, explica Teresa Vilaverde, alcaldesa de Lousame.
Tras a publicación hoxe deste anuncio, que xa fora publicado tamén no DOG nº 239 do pasado 16 de decembro, ábrese agora un prazo de 15 días para que todos os interesados poidan presentar as súas propostas no Rexistro Xeral do Concello de Lousame, en horario de 9 a 13:00 horas. Os interesados deberán presentar a súa oferta en tres sobres: sobre A (documentación administrativa), sobre B (proposición económica) e sobre C (documentación cuxa ponderación depende dun xuízo de valor). Neste último sobre incluiranse documentos relativos aos criterios de valoración distintos ao prezo: relación de recursos humanos dispoñibles, programa de actividades complementarias, proposta de comercialización/tarifas que terían que aboar os usuarios do albergue, etc.
Canon e obrigas
A persoa física ou xurídica adxudicataria deberá abonar un canon anual de 2.400 euros (+IVE), a razón de 200 euros por mes (+IVE). Uns prezos que se actualizarán anualmente de acordo co IPC. Ademais, o adxudicatario deberá facer un investimento inicial de 20.000 euros e dar servizo as 24 horas do día, o que mellorará a vixilancia deste espazo. Un entorno cuxo uso está cedido por un prazo de 30 anos polo Arcebispado compostelán, en virtude dun convenio asinado o 15 de marzo de 1996, para destinalo a actividades de carácter cultural, social, educativo e turístico.
O Concello de Lousame porá a disposición do adxudicatario tres fincas de natureza rústica na parroquia de San Xusto (de 210, 5.024 e 581 m2) e tres bens de natureza urbana: a antiga reitoral, unha edificación anexa e o muíño, que dispoñen de auga, luz e depuración de augas residuais. A empresa adxudicataria deste contrato encargarase da oferta de aloxamento, do servizo de manutención, da atención do bar, do uso dos terreos, dos mobles e dos demais aparellos inventariados no albergue municipal, así como da organización de actividades complementarias. O prego de condicións obriga tamén ao adxudicatario a incluír un equipamento mínimo: dúas estufas de pellets, cafeteira de 2 grupos (cando menos), cociña industrial, aparellos de cociña (lavavaixelas, lavadora, freidora profesional, armario arrefriador de viños, etc).











