Kalandraka e Concello de Santiago convocan o VII Premio Internacional Compostela cun premio de 9.000 euros ao mellor álbum ilustrado
O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o VII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 7 de marzo e o fallo do xurado darase a coñecer durante a primeira quincena de abril, no marco do Mes del Libro e das actividades da XIV Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.
Ao Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica. As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta rematada de todo o proxecto.
Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).
Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués— en outubro de 2014. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no VII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse nas páxinas web de Kalandraka (www.kalandraka.com) e do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.org).
OBRAS PREMIADAS EN ANTERIORES EDICIÓNS
A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela —á que se presentaron 335 traballos— foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada “Cerca”. Na convocatoria de 2009 —á que optaban 280 aspirantes— o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por “Un gran soño”. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro “A familia C”, que competiu con outras 518 propostas. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum “A viaxe de Olaf”, seleccionado entre 374 traballos. “Bandada”, dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, foi a obra escollida polo xurado da quinta edición, entre 256 orixinais de 19 países. Na pasada edición, á que concorreron 374 traballos de 21 países, a obra elixida foi “Mamá”, da arxentina Mariana Ruiz Johnson.
A convocatoria deste certame enmárcase na Campaña de Animación á Lectura que organizan anualmente, polo mes de abril, o Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka. As actividades programadas —sesións de contos e música para público infantil e familiar, obradoiros escolares de ilustración e de escrita creativa, contacontos para pre-lectores, charlas para docentes, nais e pais— chegan a máis de 5.000 nenos e nenas da bisbarra compostelá.











