José Mercé presenta no Jofre o seu último traballo discográfico “Mi única llave”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrol
A-
A+

O cantador xerezano José Mercé presentará este sábado 18 o seu último disco “Mi única llave”, dentro do ciclo “Son(S) do Jofre” da Concellería de Cultura, que dirixe Manuel Reyes García Hurtado. Un dos maiores fenómenos do flamenco se subirá ao escenario do Teatro Jofre a partir das 20:30 horas. A día de hoxe, preto de 200 butacas xa están ocupadas, polo que as persoas que desexen acudir ao concerto poderán adquirir as súas entradas no despacho do teatro municipal ou a través de internet, na páxina oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).

Con máis de 600.000 discos vendidos nos últimos quince anos, José Mercé é un artista que sabe transmitir como poucos que o flamenco é para todos, levándoo á máxima popularidade sen perder esencia nin profundidade. O cantador xerezano é a verdade do flamenco levada ás grandes audiencias, especialmente dende que no ano 1998 publicou “Del amanecer”. Tralo seu debut en 1968 e con dezasete albumes publicados, José Mercé mantén a esencia pura do cante que mestura para situarse como un artista clave da música española, conseguindo así romper fronteiras e levar a súa música non só á audiencia flamenca senón tamén ao público máis novo e amante do pop. “Mi única llave”, o seu último traballo discográfico, é un disco flamenco con aires do século XXI que o propio cantador define como “serio, sobrio e profundo”. Todo o disco se sostén sobre a marabillosa voz de José Mercé e, nos acompañamentos “guitarras, percusións e palmas”.

15 de xaneiro de 2014 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.