Invístense 186.000 euros na adecuación da travesía do Castro, en San Amaro, e renovación de infraestruturas en Outomuro, en Cartelle
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de finalizar a execución de dúas obras enmarcadas no Plan Hurbe nos concellos ourensáns de San Amaro e Cartelle. Trátase da adecuación da travesía do núcleo do Castro, en San Amaro, e da renovación de infraestruturas na travesía de Outomuro, en Cartelle, uns proxectos nos que a Xunta achegou preto de 186.000 euros.
O conselleiro Agustín Hernández, acompañado pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe estas dúas obras de rehabilitación, finalizadas recentemente.
No Concello de San Amaro, as accións de mellora na travesía de Castro implicaron un investimento de case 100.000 euros (94.882,46), achegados ao 100 % pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
Os traballos, cuxo obxectivo foi acadar itinerarios seguros para o tráfico rodado e para os peóns, centráronse no ensanche da estrada, execución de novos pavimentos diferenciados visualmente e unha zona verde para os veciños.
A superficie das actuacións abrangue 2.813 m2 de solo público, que foron obxecto da ampliación do ancho da estrada para que poidan confluír nun mesmo punto dous vehículos en diferente sentido de circulación. Tamén se realizou un tratamento superficial de asfalto con arranxo dos buratos nas vías de tráfico rodado para a mellora da circulación.
Cartelle
Por outra parte, Agustín Hernández tamén visitou hoxe o Concello de Cartelle co fin de inspeccionar as obras de renovación de infraestruturas na travesía de Outomuro, finalizadas recentemente.
Estas actuacións en Cartelle constaron dun investimento de 86.000 euros para a mellora do entorno da estrada OU-404 (Ourense- Barral), na travesía de Outomouro. Esta obra, que tamén se inclúe no Plan Hurbe, supuxo melloras na rede de abastecemento e saneamento.
No que se refire ao sistema de abastecemento, levouse a cabo a substitución das tubaxes de abastecemento de PVC –material non axeitado para conducir auga potable- por outras de polietileno de alta densidade aptas para uso alimentario.
En relación á rede de saneamento, executouse a substitución das tubaxes de formigón centrifugado con xuntas de morteiro por outras novas de PVC compacto.
Plan Hurbe
Hernández destacou que “estes dous proxectos son posibles grazas á súa inclusión no Plan Hurbe da Xunta de Galicia, que os dotou de orzamento”. Os obxectivos deste plan pasan por recuperar os espazos de encontro dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial, fixando a poboación no medio rural en resposta a unha filosofía: “Unha praza, un concello”.
Desde a posta en marcha do Plan, en 2010, a Xunta leva propiciadas un total de 77 actuacións en 65 concellos galegos, cun investimento de case 90 millóns de euros. Como exemplo na zona visitada hoxe, pódese salientar a adecuación da contorna do templo da Veracruz, no Carballiño, cuxo investimento ascendeu a 1,3 millóns de euros.
O conselleiro apuntou que a provincia de Ourense sitúase á cabeza no número de actuacións executadas e de concellos beneficiados, con 38 proxectos levados a cabo nun total de 30 municipios. Hernández salientou que son obras que destacan polos seus obxectivos, xa que buscan recuperar os contornos históricos, patrimoniais e culturais, así como facer habitable para os veciños os núcleos ou zonas nas que se actúa.
Na Comarca do Carballiño, o Concello de Boborás tamén é obxecto das actuacións do Plan Hurbe, polo que a Xunta investiu preto de 50.000 euros para mellorar o acceso ao cemiterio de Pazos de Arenteiro, un proxecto que xa está case finalizado.