Iníciase na Laracha a campaña de poda das árbores da avenida de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Traballos de poda

Traballos de poda

Comezaron a desenvolverse nas rúas do casco urbano da Laracha as labores relativas á poda das árbores que se sitúan na avenida de Caión, unha das principais estradas da capital municipal, que vai desde a avenida Fisterra, desde o seu punto de confluencia coa praza do Concello, ata a igrexa vella de Santa María de Torás.

A continuación, os operarios realizarán estas mesmas labores, durante os próximos días, desde o inicio da avenida Doctor López Astray –tamén xunto á praza do Concello- ata a ponte dos Muíños, xa na parroquia de Coiro.

Os traballos estanse desenvolvendo na época do ano propia da poda destas árbores, que son plataneiros centenarios e que gran parte deles están protexidos –os situados no casco urbano da Laracha- polo Plan Xeral de Ordenación Municipal. As actuacións están incluídas dentro do Plan de Conservación e Mantemento de Vías Públicas Provinciais da Deputación da Coruña e consisten no recorte, triturado e transporte das ramas, así como a recollida das follas.

O obxectivo é protexer aos vehículos e aos viandantes de posibles desprendementos das ramas, ademais de mellorar a estética nas rúas e manter nun estado óptimo estas árbores.

9 de xaneiro de 2014 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.