Inaugúrase o novo transformador do campo de fútbol do Morrazo
Hoxe pola tarde o concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño e o concelleiro de Obras e Servizos Bernardino Faro Lagoa visitaron as instalacións do campo de fútbol de O Morrazo acompañados polo presidente do Alondras C.F. Luís Guimeráns. Durante a visita ambos concelleiros comprobaron in situ os resultados da última actuación no campo consistente na instalación dun transformador. Esta actuación da cumprimento a unha vella demanda dos usuarios xa que ata agora tíñase alugado un xerador como fonte de enerxía, acadándose con esta iniciativa un importante aforro económico.
Faro Lagoa explicou que “as catro torretas onde están colocados os reflectores dos faros do campo teñen unha potencia de 50 Kw” afirmou, potencia que estará de sobra satisfeita co novo transformador que ten unha capacidade de 250 Kw.
Na visita procedeuse ao acendido do alumeado do campo así como a percorrer as instalacións municipais que son utilizadas por arredor de 300 nenos de todo o concello.











