Inaugúrase a Escola de Emprendedores da Coruña para fomentar a creación de empresas no Agra do Orzán
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, inaugurou hoxe a apertura do primeiro curso da Escola de Emprendedores, un proxecto concibido dentro do plan Urbana C para fomentar a creación e consolidación de empresas no barrio do Agra do Orzán a través de itinerarios formativos de primeiro nivel deseñados en función das necesidades e perfís dos alumnos.
O centro desenvolve a súa actividade nas instalacións da escola de negocios de Novacaixagalicia (Rolda de Nelle, número 31) e arrinca cun curso de iniciación ao emprendimiento de 20 horas denominado Lanza Emprendedor 1. Ferramentas de xestión básica para emprendedores. Luisa Cid deu a benvida aos alumnos esta mañá nun acto no que estivo acompañada polo director da Escola de Negocios de Novacaixagalicia, Eduardo García Erquiaga, e por Antonio Domingo Tudó, responsable da Escola de Emprendedores impulsada polo Concello.
No acto, Cid destacou a calidade dos programas formativos e lembrou que os emprendedores deben estar “moi preparados, ter aptitudes e excelente formación”. A tenente de alcalde mostrouse convencida de que un emprendedor ben formado “xerará riqueza e emprego” e animou aos alumnos a aproveitar “esta oportunidade única”.
A Escola de Emprendedores impartirá durante 2014 e de forma gratuíta 1.830 horas de formación. Os cursos, seminarios e conferencias están dirixidos a emprendedores do Agra do Orzán, tanto desempregados como persoas con traballo que desexen mellorar o seu futuro profesional, e hai distintos formatos e niveis, desde os máis básicos até os moi complexos, pero todos cun gran nivel de esixencia.
Os emprendedores disporán en todo momento da axuda de mentores e coach que lles farán un seguimento personalizado, analizando as súas capacidades. Ademais, a diferenza doutras escolas, na Escola de Emprendedores non son os alumnos quen elixen que curso facer, xa que é o propio centro o que decide que programa formativo deben realizar en función dos seus perfís.
VIDEOCONFERENCIAS INTERNACIONAIS
Simulacións empresariais, seminarios á carta ou videoconferencias internacionais con expertos de recoñecido prestixio forman parte da oferta da escola impulsada polo Concello. Así, este xoves, 23 de xaneiro, ás 18.00 horas, o director adxunto do departamento de Alianzas e Apoio aos programas exteriores da OIT (Organización Internacional do Traballo), Juan Hunt, inaugurará desde Xenebra (Suíza) o ciclo de videoconferencias.
Desde a apertura do prazo de inscrición, o pasado 2 de decembro, inscribíronse máis de 150 persoas e o proceso segue aberto. As persoas interesadas poden obter toda a información sobre a escola na web www.emprendedorescoruna.es, no teléfono 981 185 037 ou de luns a venres no propio centro, en horario de 09.00 a 19.00 horas.
A iniciativa, impulsada pola área de Emprego e Empresa que dirixe a tenente de alcalde Luisa Cid, forma parte do proxecto Urbana C, ten un orzamento de 400.000 euros -o 80% procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)- e o seu principal obxectivo é fomentar o espírito emprendedor e apoiar ás pequenas empresas para dinamizar o barrio.
A Escola de Emprendedores é un dos proxectos municipais destinados a revitalizar o Agra do Orzán do que tamén forman parte a aula de Emprego, que cun orzamento de 600.000 euros porase en marcha este ano e estará en permanente contacto coa escola, ademais dos programas Tendas a Exame Relevo Xeracional e Tendas Pop-Up, tamén deseñados pola área de Emprego e Empresa que dirixe Cid.











