Ourense inaugura un curso de formación especializada en atención de menores vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta mañá en Ourense un curso de formación especializada en atención a menores vítimas de violencia de xénero. No acto tamén participaron a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

O curso está destinado aos profesionais que traballan na atención a menores nos Puntos de Encontro Familiar e Gabinetes de Orientación Familiar e conta con 28 alumnos e alumnas inscritos. Terá 20 horas de duración repartidas en tres xornadas consecutivas.

O obxectivo xeral desta actividade formativa é ofrecer a estes profesionais un marco conceptual que lles permita intervir de xeito eficaz e mellorar as súas habilidades no proceso de identificación, investigación e intervención con menores vítimas de violencia de xénero.

Con ese obxectivo, o programa estará composto de tres módulos: “Características da violencia de xénero”, “Intervención con menores vítimas da violencia de xénero” e “Autocoidado dos equipos que traballan en casos de violencia de xénero”.

No primeiro dos módulos aprenderán a analizar as características da violencia de xénero e reflexionar sobre as súas consecuencias. Abordaranse conceptos como a violencia e a agresividade; os tipos e características de violencia de xénero; o seu marco normativo; os aspectos legais en relación aos/ás menores e a violencia de xénero; as consecuencias da violencia nas mulleres vítimas e nos seus fillos e fillas -factores de risco e de protección- e as principais características dos maltratadores.

O segundo módulo estará centrado na intervención e os protocolos con menores vítimas da violencia de xénero. Entre outros aspectos, estudarase a valoración do dano; a avaliación do risco; o concepto de Resilencia; a intervención educativa, social e psicolóxica con menores nas distintas etapas evolutivas; o manexo das entrevistas; o traballo vincular nai-fillo/a como factor de protección e de reparación das consecuencias dos malos tratos; e a relación pai-filla/o no proceso de tratamento.

O terceiro e último módulo céntrase nas técnicas de autocoidado dos equipos que traballan en casos de violencia de xénero e abordará asuntos como as habilidades para mellorar a relación de axuda; o manexo do estrés e do desgastar profesional; o automanexo das
emocións; estratexias de autocoidado e protección persoal e o adestramento en técnicas de autorregulación en situacións difíciles.

28 de xaneiro de 2014 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.