“I’ll be watching you” chega a Verín o vindeiro luns
A Casa da Cultura de Verín acollerá o vindeiro lunes 13 de xaneiro, ás 12 horas, a representación “I´ll be watching you (Estareite a ver)”, un espectáculo lúdico-musical que analiza os roles de xénero a través das cancións de amor, e que está destinado a alumnos/as de 4º de ESO dos centros educativos Mª Inmaculada, Apostólico Mercedario, Taboada Chivite e Castro de Baronceli.
Os obxectivos deste proxecto pedagóxico, ao que tamén asistirá a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, son actuar na prevención da violencia de xénero e promover o pensamento crítico entre o gran público. “I’ll be watching you” fala dos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de home e muller que non contemplan outras opcións, a cosificación da muller, os celos como proba de amor, a conivencia coa violencia e o sentimento de propiedade sobre a outra persoa. Fala das relacións de igual a igual fronte ás que non o son, da autoestima, da necesidade da reacción das propias mulleres para poñer fin á violencia de xénero. Yeni é a vocalista e Dami o guitarrista dunha orquestra de pachanga. Veñen ofrecer o típico repertorio versionando ós éxitos do pop actual, e entre tema e tema, Yeni introduce o relato da súa propia experiencia vital como muller, facendo participar ao público dunha nova e crítica lectura dos valores que transmiten as cancións que canta.
Este espectáculo toma o seu título dunha balada do grupo Police, Every breath tou take, que fala da obsesión dun amante abandoado que repite “estareite a vixiar, ti perténcesme”. Baixo ese punto de partida, analiza as cancións e produtos musicais que consume a xuventude, dende unha perspectiva de xénero, mediante actividades creativas e participativas. A sesión inclúe unha selección de temas moi coñecidos que falan das relacións de parella, do namoramento, da paixón, da posesión, da dependencia e dos ideais románticos -de autores como Toby Toon, Malú, Herdeiros da Crus, James Blunt, Amaral, El Canto del Loco ou Beyoncé-. Todo co fin de fomentar o espírito crítico e a toma de conciencia da necesidade de actuar para previr situacións susceptibles de derivar en relacións desiguais ou en violencia de xénero.
“I’ll be watching you” está promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Acordo de Colaboración asinado entre este departamento e a Federación Galega de Municipios e Provincial de Galicia para a conformación da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero na que está inscrito o Concello de Verín.











