Hostelería Compostela promove novas aportacións ao Plan de Mecenazgo da Fundación Catedral de Santiago
O Plan de Mecenazgo da Catedral de Santiago segue sumando novas colaboracións grazas ás aportacións realizadas por novos socios, amigos e colaboradores, especialmente os hostaleiros da Asociación Hostelería Compostela. Tralo recente convenio de colaboración asinado entre o colectivo empresarial e a Fundación Catedral de Santiago, 14 establecementos do sector turístico, que fixeron diferentes aportacións, pasan a formar parte do primeiro grupo de colaboradores da Catedral.
Ademáis do propio Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela, os grupos hoteleiros Compostela Boutique Hotels e Pousadas de Compostela son tamén novos socios colaboradores da Catedral.
Pousadas de Compostela é un grupo empresarial formado por catro hoteis do casco histórico (Virxe da Cerca, Pombal, San Clemente e Airas Nunes), ademais de varios establecementos de restauración (Porta Faxeira e Boteco) e dous hoteis monumento (Pazo de Lestrove, en Padrón, e Mosteiro de Aciveiro, en Forcarei). Compostela Boutique Hotels está formado polos hoteis con encanto Costa Vella, Altair e Moure, tamén na zona antiga de Santiago. Neste días formalizaron tamén os seus apoios ao Plan de Mecenazgo da Catedral de Santiago o hotel AC Palacio del Carmen e os hoteis Universal e Santiago Apóstol, do grupo 4M Hoteles.
Estas aportacións son froito do recente convenio asinado entre a Fundación Catedral e a Asociación Hostelería Compostela, cuxos membros teñen a posibilidad de converterse en establecementos amigos e colaboradores da Catedral, contribuíndo así ao mantemento da basílica. O Plan de Mecenazgo da Catedral de Santiago está orientado a cubrir as necesidades derivadas do financiamento das obras de restauración e conservación previstas no seu Plan Director e necesarias para a conservación dun conxunto monumental que presenta serios problemas de deterioro.
Con estas aportacións de Hostelería Compostela e dos primeiros 14 establecementos colaboradores, os hostaleiros queren contribuir á conservación do patrimonio e seguir promovendo novos apoios entre as empresas do sector turístico compostelán, que poden obter toda a información sobre as condicións das aportacións e apoios na web www.ayudaalacatedral.es ou na propia Asociación de Hostelería.











