publicidade hoxe

Homenaxe a Díaz Castro cunha ruta por Guitiriz inspirada na vida e obra do poeta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou hoxe unha ruta de sendeirismo que percorrerá diferentes lugares do Concello de Guitiriz que gardan unha estreita relación de Díaz Castro e que será unha nova homenaxe á obra do poeta no ano no que se lle adica o Día das Letras Galegas. O acto de presentación, no que a Deputada estivo acompañada por numerosos veciños, celebrouse no Vilariño, lugar onde naceu o poeta e de onde partirá esta ruta que rematará ante a escola de Buriz, onde Díaz Castro estudou de neno.

Regina Polín explicou os detalles da ruta que, cunha lonxitude de 5,8 quilómetros e de dificultade mínima, está marcada tamén pola importancia da pedra, “destacando as pedras de singulares formas que marcan a paisaxe do percorrido e que tantas veces serviron de inspiración ó poeta, como o caso de Pena Cheirenta, ou lugares da zona que levan a pedra no seu nome, como O Penedo ou Pedra Grande”. Os usuarios da ruta poderán visitar outros puntos de interese arqueolóxico, como o petróglifo de Auga das Calzadas ou a mámoa do Pilreu. O final da ruta tamén está marcado polo granito da igrexa e o cemiterio, así como por unha chamativa pedra que domina o campo da festa de Buriz.

Polín lembrou que a Deputación presentou no Rexistro do municipio, o pasado día 20 de xaneiro, a documentación necesaria para a obtención dos permisos pertinentes, co fin de comezar os traballos de recuperación e posta en valor desta ruta canto antes, de xeito que en canto o Concello de Guitiriz dea resposta á solicitude estes comezarán para poder abrir á ruta ós usuarios antes do verán. “Esta ruta será un atractivo máis que ofrecerá o Concello, e que atraerá visitantes ó longo deste ano e dos vindeiros, dinamizando a economía local”

Recoñecemento oficial da ruta

Os traballos que levará a cabo a Deputación consistirán na limpeza dos camiños, o acondicionamento do firme e a sinalización da ruta, necesarios para a homologación e recoñecemento oficial da ruta, que o organismo solicitará unha vez estean rematados os traballos. Estes traballos contan cun orzamento de 12.000 euros, que a institución provincial acometerá con fondos propios. É previsible que as actuacións remanten antes do verán, de xeito que a chegada do bo tempo contribúa a aumentar a afluencia de visitantes ó Concello.

A presentación da ruta que impulsa a Deputación realizouse hoxe no exterior da casa natal do poeta, no lugar do Vilariño, no Concello de Guitiriz.

Outra iniciativa

Esta é outra das iniciativas que a Deputación de Lugo ten programadas para o 2014, ano no que o Día das Letras Galegas está centrado na figura deste poeta guitiricense. De feito, o pasado mes de decembro, o Centro de Artesanía e Deseño acolleu a máis dun centenar de rapaces procedentes de varios institutos da provincia, que asistiron á estrea do documental A lus do mundo, elaborado o curso pasado polos alumnos do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, que estiveron acompañados por alumnos dos institutos Lucus Augusti e Xoán Montes da capital lucense. O acto contou coa participación da escritora Marica Campo e o especialista en Díaz Castro Alfonso Blanco; a directora do documental, Cristina de la Torre e a directora do IES, Olga Aguiar. Naquela ocasión, Polín destacou o carácter especial do acto non só “porque a Capela sexa hoxe a casa de Díaz Castro, senón por contar coa presenza da mocidade de Guitiriz e de Lugo, que tanta sensibilidade amosan para valorar a cultura e a historia do noso Concello”.

29 de xaneiro de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.