Gran vitoria do Azkar Lugo con gol de Antonio Diz no último minuto
Sobre a bocina, co pitido final, o Azkar Lugo levouse os tres puntos en xogo de hoxe ante o Peñíscola Bodegas Dunviro (3-2). Un gol de Antonio Diz a pase de Chano deulle hoxe a cuarta vitoria da tempada aos lucenses e esta chegou in extremis, merecida quizais porque os lucenses mandaron durante moitos minutos no marcador e Asensio a minuto e medio para o final silenciara o Municipal de Lugo. Pero este, hoxe cunha gran entrada, estalou de alegría ao ver como o gol do canteirán lucense entraba na meta de Gus soando a bocina.
O choque desde o inicio foi igualado, aínda que no seu arranque as ocasións non eran demasiadas. A primeira clara tívoa Jandri ao minuto 4 cando remataba só, pero fóra, unha estratexia de corner dos seus. Reaccionaban os castellonenses e así Mendiola ao minuto seguinte paraba a tiro de Juanqui e o propio meta madrileño esmerábase en dúas claras ocasións dos visitantes no minuto seguinte. O partido estaba moi aberto, Gus detiña a disparo de Rubén Mouriz, pero no intercambio de golpes, chegaría o 1-0 para o Azkar Lugo cando un barullo dentro do área era rematado por Jandri e en liña xa de gol empuxábaa Antonio Diz (os colexiados dábanllo a Jandri). Eran os mellores momentos dos lucenses, o Peñíscola Bodegas Dunviro estaba tocado e Chano aproveitou unha boa xogada de pívot para fusilar ante Gus (2-0). Reclamando os lucenses unha man dentro do área dos valencianos e cun disparo ao pau de Asensio e que sacaba Mendiola, chegaríase ao descanso.
Tralo paso por vestuarios, o partido cambiou e parecía dominar máis o Peñíscola. Os lucenses parecían notar o cansazo, perderan a Cuco nas últimas horas debido a un proceso vírico e ademais o capitán Aranburu tampouco estaba por sanción. Pero hoxe o equipo soubo sobrepoñerse a todas as adeversidades. O Peñíscola mandaba máis e aos dous minutos do reinicio un remate de volea de Uge pegaba no parquet con tanta forza que collía altura e sorprendía a Mendiola que estaba no chan (2-1). Ese gol deu alas aos visitantes e así Mendiola salvaba aos seus do empate no minuto 25 e Carlos Anós estrelaría unha falta no longueiro. Eran os minutos de sufrimento dos galegos, pero que pasaban sen encaixar o empate. A partir de aí o Azkar Lugo tamén xerou perigo e Chano á media hora de partido estrelábaa no pau e Jandri a continuación gozaba de dúas ocasións, a segunda un man a man con Gus, que poderían abrir brecha no marcador. Con todo por decidirse, coa mínima vantaxe dos lucenses, chegábase á recta final e xa a catro minutos e medio para o final o Peñíscola facía con Uge o porteiro-xogador. O Azkar defendía ben a inferioridade, non deixaba ocos no seu entramado defensivo e aos de Ricardo Íñiguez custáballes crear perigo. Pero nunha das súas escasas ocasións, Asensio cun disparo raso batía a Mendiola (2-2). Restaba menos dun minuto e medio e Diego Ríos quería a vitoria, polo que introducía en cancha a Álex Diz como porteiro-xogador. Movía e movía o balón o Azkar, non quería tampouco perder un balón que supuxese un tráxico final. Tras un intercambio de posesións entre ambos equipos, chegaríase á recta final. Cando todo facía indicar ao reparto de puntos, Chano en media cancha recuperaba un balón e poñía un pase de 18 metros ao segundo pau para Antonio Diz que sobre o mesmo bocinazo final facía o 3-2. Alegría no Municipal de Lugo para comezar do mellor xeito posible o 2014. Vitoria agónica, de infarto, pero das que gustan. Tres puntos máis cara ao obxectivo da salvación.
Ficha técnica:
Azkar Lugo 3: Mendiola, Diego Núñez, Jandri, Iago Rodríguez e Chano, -cinco inicial-, Álex Diz, Antonio Diz, Cospe, Rubén Mouriz e Zala.
Peñíscola Bodegas Dunviro 2: Gus, Uge, Contreras, Carlos Anós e Juanqui, -cinco inicial-, Asensio, Míchel, Charly Maza, Gonzalo, Solano e Buitre.
Árbitros: Contreras Tejedor e Pérez Álvarez (comité castelán-leonés). Amonestaron con tarxeta amarela a Chano, Zala e Antonio Diz (Azkar) e a Uge, Asensio e Gonzalo (Peñíscola).
Incidencias: 18ª xornada de liga en 1ª división. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 1500 espectadores.
Goles: 1-0 min. 15 Jandri, 2-0 min. 18 Chano, 2-1 min. 22 Uge, 2-2 min. 39 Asensio e 3-2 min. 40 Antonio Diz.











