Gran festa do fútbol sala no amigable entre Santiago Futsal e Don Ulpiano Albense
Santiago Futsal e Don Ulpiano Albense enfrontáronse esta noite nun amigable aproveitando o parón polo Europeo, que concluíu con vitoria para os santiagueses por 3-12. O pavillón encheuse para gozar do mellor fútbol sala e recibir a Chus, que volvía á que fose a súa casa até a tempada pasada. Ademais, rendeuse unha emotiva homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois.
Os locais lograron porse por diante nos primeiros minutos tras dous goles de Chinés, pero un gol en propia porta de Carlos Sierra, un dos homenaxeados da noite, abriu a lata dos santiagueses que deron a volta ao marcador chegando ao descanso 2-5 cun gol de Eloy Vermellas que puxo o empate, un de Barroso e dous de Palomeque.
Tras o descanso continuaron o recital de goles: dous de Quintela, un de Pazos, un de Loito, dous máis de Eloy Vermellas e un do propio Chus, que marcou na cancha que o viu crecer como xogador. Isaac fixo o único tanto dos locais no segundo tempo.
Ficha do partido
Goles: 1-0 Chinés (min 2), 2-0 Chinés (min 7), 2-1 Carlos Sierra pp (min 13), 2-2 Eloy Vermellas (min 14), 2-3 Palomeque (min 18), 2-4 Barroso (min 19), 2-5 Palomeque (min 19), 2-6 Quintela (min 24), 2-7 David Pazos (min 27), 2-8 Quintela (min 29), 2-9 Loito (min 33), 2-10 Chus (min 33), 3-10 Isaac (min 34), 3-11 Eloy Vermellas (min 38’), 3-12 Eloy Vermellas (min 39’)











