Gran éxito de público na representación de “O Crebanoces” na Casa da Cultura do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Representación de "O Crebanoces"

Representación de “O Crebanoces”

A programación infantil de Nadal do Concello de Ames continuou esta tarde no Milladoiro coa representación do espectáculo ‘O Crebanoces’. A Casa da Cultura quedouse pequena para acoller a todos os nenos e nenas que asistiron a este espectáculo para monicreques inspirado no conto de Hoffmann e dirixido ao público familiar. Trátase dunha actividade realizada en colaboración entre o Concello de Ames e a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para poder ser interpretada por bandas de música popular. Durante a execución da música houbo pantomimas dos bonecos, e entre unha e outra parte musical houbo escenas con partes faladas dos bonecos e narración cara o público.

A historia deste espectáculo conta que na noite de Nadal o padriño regálalle á pequena Clara un crebanoces con forma de boneco. De tanto partir noces, o boneco acaba rompendo, e Clara desgústase moito. Para consolala o padriño contaralle a historia do boneco Crebanoces, xa que o Crebanoces na realidade é un valente personaxe que loitou co seu exército de xoguetes contra a raíña dos ratos.

O Crebanoces forma parte da completa programación deseñada polo Concello de Ames para o Nadal 2013, na que se programaron preto de 30 actividades pensadas para todos os públicos.

3 de xaneiro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.