Gran calidade musical no Sinfónico de Primavera da Orquestra Vigo 430
Abel Caballero salientou a calidade da orquestra sinfónica Vigo 430 e dos músicos nacionais e internacionais que se incorporarán a un certame de catro grandes concertos que conxugan os grandes da música clásica con pezas algo menos coñecidas para o gran público.
O alcalde de Vigo recordou que o Concello é a única administración que apoia económicamente a Orquestra Vigo 430, o que foi ratificado polo propio Escobar na súa intervención, e reclamou respaldo doutras institucións públicas.
As localidades, que poden ser adquiridas a través de Servinova, oscilan entre os 5 e os 12 euros, coa posibilidade de adquirir abonos para as catro citas cun 20% de desconto e un prezo final entre 31 e 38 euros. Ofrécense descontos do 20% a estudiantes, Carné Xove, maiores de 65, desempregados e familias numerosas, xunto a unha colaboración especial cos centros de ensino musical para que poidan ter entradas gratuitas.
A primeira cita será o 9 de febreiro ás 20 horas no Teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia, con obras de Häendel (Concerto Grosso Op. 3 nº 2. Oda para o aniversario da Raíña Ana) e Bach (Magnificat). O 2 de marzo, tamén ás 20 horas, o Auditorio Martín Códax –no Conservatorio Superior- acollerá o segundo concerto con obras para violín de Sibelius.
O Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior acollerá o terceiro concerto o 6 de maio, ás 20:30h, coa abertura de As Vodas de Fígaro de Mozart, o concerto nº4 para piano e orquestra de Beethoven e a sinfonía nº1 de Brahms. O peche do Sinfónico de Primavera será tamén no Centro Cultural Novacaixagalicia o 13 de maio ás 20:30 horas, con interpretacións de Rossini (Abertura L´italiana in Algeri), Brahms (Dobre concerto para violín e violoncello) e Schumann (Sinfonía Nº2).