Frades organiza varios cursos de cociña, informática e pintura en vidro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades vén de abrir o prazo de inscrición en tres cursos de cociña, informática e pintura en vidro que terán lugar a partires do mes de febreiro. Os veciños e veciñas que desexen participar nalgún destes cursos deben dirixirse ao Concello de Frades ou chamar ao 981 69 55 67 ou ao 981 69 56 63. O prazo para inscribirse remata a finais de xaneiro.

 As clases de informática terán lugar na Aula de Informática Municipal, mentres que nos outros dous cursos o lugar aínda non está pechado xa que, aínda que o emprazamento inicialmente o previsto é o multiúsos de Frades, no caso de que se forme un grupo mínimo nunha parroquia determinada o Concello de Frades contempla a posibilidade de que as clases teñan lugar no local social da devandita parroquia.

O curso de cociña terá un prezo de 20 euros e nel os alumnos e alumnas aprenderán desde concepto teóricos en dietética e nutrición ata os principios básicos da cociña e da repostería. Así, os veciños e veciñas de Frades aprenderán a elaborar pratos con carnes, aves, peixes, mariscos e verduras, ao tempo que aprenden a conservar e manipular os alimentos, a producir conservas e mesmo como presentar unha mesa.

O curso de informática terá unha duración de 50 horas e un custe de 20 euros por mes. Durante catro horas semanais, divididas en dous días por semana, os alumnos e alumnas aprenderán o básico para desenvolverse cun ordenador, dende o manexo do sistema operativo e do paquete Office (Word, Excel, Access, power-point…) ata navegar por Internet (redes sociais, correo electrónico…). Unha formación personalizada para cada alumnos, que deste xeito poderá tirarlle o maior beneficio persoal ao curso.

Por último, o Concello de Frades convoca tamén un curso de pintura en vidro, que terá lugar ao longo dos dous próximos meses. Trátase dun curso eminentemente práctico, no que os alumnos e alumnas estarán dende o primeiro día facendo probas e traballos con todo tipo de materiais e aprendendo distintas técnicas. O obxectivo é que os participantes coñezan as distintas técnicas de pintura en vidro, dende as máis sinxelas con plantilla e contorno releve ata outras máis complicadas como o esmerilado, o puntillismo, o craquelado en vidro, a técnica de vidreiras ou a de decupage en vidro. Ademais, practicarán todo tipo de aplicacións de cores (translúcidas, anacaradas e opacas), de cintas de chumbo adhesivo, de cores con esponxa…

14 de xaneiro de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.