Frades celebra a súa primeira cabalgata de Reis que finalizará cunha gran festa no polideportivo de Pontecarreira
O Concello de Frades celebrará mañá sábado 4 de xaneiro a súa primeira Cabalgata de Reis, que terá lugar na localidade de Pontecarreira entre as 16:00 e as 20:00 horas. Unha cabalgata que será posible grazas á colaboración da ANPA do CPI Pontecarreira, da asociación de veciños Rexente de Pontecarreira e da asociación folclórica Sarillo de Aiazo co Concello de Frades.
A Cabalgata de Reis partirá ás 16:00 horas da praza de Pontecarreira e desfilará polo núcleo urbano. Despois, o desfile encamiñarase pola estrada AC-3802 cara o pavillón polideportivo municipal de Pontecarreira. Ás 17:00 horas está prevista a chegada dos Reis Magos ao pavillón, onde terá lugar unha gran festa con inchables, animacións, xogos populares, lambetadas e obradoiros de globoflexia e de maquillaxe. Así mesmo, repartirase chocolate e roscón de Reis entre todos os participantes.











