Finalizan os traballos de impermeabilización da Muralla de Lugo no entorno da Porta Falsa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está rematando as obras de impermeabilización do cubo LXXV da Muralla de Lugo, no entorno da Porta Falsa, que deixaron á vista temporalmente as escaleiras orixinais de acceso ao adarve.
Esta actuación realizouse, como moitos outros traballos, no marco do contrato plurianual de mantemento da Muralla de Lugo que ten subscrito a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e ao que destina preto de 1 millón de euros.
Ao tempo que se resolvía o problema de filtracións que afectaba á Muralla, realizouse unha escavación en área máis profunda para poder documentar e estudar en detalle as escaleiras do cubo.
A delegada territorial destacou que a tutela da Xunta da Galicia sobre o monumento lucense “tradúcese, como se ve, nun forte investimento que posibilita que a tarefa de restauración, consolidación e investigación sexa constante, actuando con dilixencia alí onde se detecta a necesidade e contribuíndo a ampliar o noso coñecemento sobre a Muralla”.
Así mesmo, Arias comunicou que hoxe ponse en marcha a iluminación en toda a extensión do adarve con horario normalizado. Unha vez superado o período de probas, dende esta tarde o monumento estará iluminado entre as 18.30 e a 1 da madrugada e dende as 6 ás 8 da mañá. O horario adaptarase no verán. A Consellería de Cultura investiu 165.000 euros neste proxecto de iluminación.











