Finalizan as obras de mellora da rúa Isabel II de Cambados

Cores Tourís na visita a Cambados
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá Cambados para comprobar o remate das obras executadas na rúa Isabel II, na confluencia coa praza Ramón Cabanillas, que tiveron como obxectivo final a humanización e mellora da mesma de cara á dinamización do comercio local do seu entorno.
No acto estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, e polo alcalde de Cambados, Luís Aragunde.
Cores Tourís recordou que os traballos que hoxe visitaron son unha realidade grazas ao interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.
“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Cambados encamiñada a humanizar a zona comercial da rúa Isabel II e do seu entorno, para favorecer a eliminación de barreiras e a circulación dos potenciais consumidores, fomentando así as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto tivo un orzamento total de 40.000 euros, dos cales, o 75% (30.000 euros) foi aportado pola administración autonómica.
En concreto, na rúa Isabel II, instalouse un asentamento adoquinado de lastras e dotouse de beirarrúas de granito, habilitándose zonas de carga e descarga e aparcadoiros para discapacitados. “Non podemos esquecer que co paso dos anos”, explicou pola súa banda Luis Aragunde, “esta rúa presentaba un pavimento moi bacheado que dificultaba o paso dos peóns e repercutía de forma negativa nas actividades comerciais deste entorno. Agora dá gusto pasear por Isabel II e acercarse ata aquí para comprar”.
A maiores, os traballos supuxeron tamén a instalación de novas tubaxes e pluviais para a choiva. “Mellorar esta zona era moi importante, xa que se trata dun entorno de grande pulo comercial. Non podemos esquecer que conta con mais de 17 locais e establecementos comerciais”, engadiu o alcalde da localidade.
Cores Tourís recordou na súa visita a esta rúa cambadesa que a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. “Esta é a razón pola que dende a Consellería de Economía e Industria estas actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial considéranse imprescindibles”. Segundo puntualizou o delegado territorial, “é máis que necesario acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, xa que permite consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.
Esta orde de axudas destinará 4,5 millóns de euros a toda Galicia, dos que 1,5 millóns corresponderán a provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total, a provincia de Pontevedra será a máis beneficiada con esta orde de axudas”, destacou o delegado territorial.











