Ferrol homenaxea ás vítimas por violencia de xénero prantando unha rosa por cada unha delas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Prantación das rosas

Prantación das rosas

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Igualdade e Xuventude, celebrou esta mañá un acto institucional contra a violencia de xénero para lembrar ás 58 mulleres vítimas desta lacra social ao longo do ano 2013 e no que levamos do presente exercicio e, ao mesmo tempo, condenar os malos tratos contra a muller. Así, representantes dos grupos municipais participaron nesta cerimonia que tivo como escenarios os xardíns de San Francisco –onde se atopa a “Pérgola do recordo”- e a praza de Armas, diante da Casa Consistorial. Por primeira vez, e como novidade que se manterá a partir de agora neste tipo de actos contra a violencia, participaron alumnos e alumnas de Ferrol, neste caso do colexio La Salle e do IES Saturnino Montojo.

Os escolares de La Salle e estudantes do IES Saturnino Montojo foron os encargados de realizar a plantación de rosais nos xardíns de San Francisco. Plantaron unha rosa en recordo de cada unha das mulleres falecidas en 2013 e no que levamos de ano vítimas da violencia de xénero. A continuación, este alumnado entregou lazos brancos -símbolo da loita contra a violencia de xénero- por diferentes rúas da cidade. E, por último, ao mediodía leron diante do Pazo Municipal un Manifesto contra a violencia de xénero, redactado polos propios centros educativos, que deu paso a un minuto de silencio polas mulleres vítimas da violencia.  A edil Verónica Casal clausurou os actos en repulsa da violencia de xénero coa entregar dunha distinción en recoñecemento á colaboración e participación aos centros La Salle e Saturnino Montojo.

31 de xaneiro de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.