Ferrol convoca axudas por valor de 84.480 euros para comerciantes, hostaleiros e operadores do mercado da Magdalena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol abre unha liña de subvencións por un montante de 84.480 euros para a creación de actividade, modernización e mellora do pequeno comercio e dos establecementos hostaleiros situados nos barrios de A Magdalena, Canido e Ferrol Vello, incluído os operadores do mercado da Magdalena. Así o indicou esta mañá o concelleiro de Economía, Alejandro Langtry Caínzos, que presentou o contido deste plan de axudas cuxo orzamento procede dos fondos europeos do programa Urban.

Langtry Caínzos explicou as tres liñas de achegan que se abren con este programa de dinamización da actividade comercial, hostaleira e da praza de abastos municipal da Magdalena. A primeira delas, está dirixida á mellora dos establecementos e as actuacións que optan a subvención son: a mellora de fachadas, reformas no interior do local, mellora de escaparates, colocación de novos rótulos, obras de eliminación de barreiras arquitectónicas e adquisición de mobiliario e equipamento interior (agás ordenadores portátiles). Os locais que se beneficien desta axuda deberán manter o seu uso empresarial durante un mínimo de cinco anos, e o mobiliario e o equipamento subvencionados deberán permanecer no establecemento polo menos tres anos. A achega para os que se acollan a esta liña da convocatoria acadará o 50% do gasto total subvencionable, co límite de 6.000 euros.

A segunda liña de axudas estará orientada á creación de nova actividade. Neste caso as intervencións subvencionables son as mesmas que citadas anteriormente, pero coa diferencia de que estas destínanse á posta en marcha de negocios ou á creación de polo menos un posto de traballo que deberá manterse por un período mínimo de un ano. Ao igual que na primeira liña de axudas, os locais deberán manter o seu uso empresarial durante un mínimo de cinco anos, e o mobiliario e o equipamento subvencionados deberán permanecer no establecemento polo menos tres anos. O montante da subvención acadará o 50% do gasto total subvencionable, co límite de 6.000 euros, e de 11.000 euros se se crea un ou máis postos de traballo.

Así, a terceira e última liña de achegas destes fondos vai encamiñada á adquisición de mobiliario de terrazas: cadeiras, mesas, parasoles, estufas e cinceiros. A subvención acadará o 60% do gasto subvencionable, até un máximo de 3.000 euros. Neste senso, o edil de Economía salientou que os elementos do mobiliario deberán cumprir a normativa municipal establecida para terrazas no momento da súa adquisición e que estes elementos subvencionados deberán ter unha permanencia mínima de tres anos.

Outros destinatarios e prazo de solicitudes

Ademais do sector do comercio e da hostalería, e dos operadores do mercado da Magdalena, poden solicitar estas axudas do plan Urban outra serie de actividades económicas. En concreto, estas son:

-Comercio polo miúdo de produtos alimenticios, bebidas e tabaco realizado en establecementos permanentes.

-Comercio polo miúdo de produtos industriais non alimenticios realizado en establecementos permanentes.

-Comercio mixto ou integrado polo miúdo.

-Servizo de alimentación.

-Servizo de hospedaxe.

-Axencias de viaxe.

-Lavanderías, tinturerías e servizos similares.

-Salóns de perruquería e institutos de beleza.

-Servizos fotográficos, máquinas automáticas fotográficas e servizos de fotocopias.

En canto ao prazo de presentación de solicitudes, o titular de Economía apuntou que o Concello de Ferrol abre un prazo de tres meses, a partir de mañá, trala publicación da convocatoria das axudas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) na xornada de hoxe. A finalización do prazo será o 17 de abril de 2014.

16 de xaneiro de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.