Ferrol atendeu a un total de 469 persoas no servizo de axuda no fogar durante o 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, informou sobre o balance do servizo de Axuda no Fogar durante o pasado ano. Un total de  469 persoas beneficiáronse desta prestación en calquera das dúas modalidades: por libre concorrencia ou por recoñecemento de dependencia; e os fondos públicos destinados a sufragar este servizo ascenderon a un total de 2.419.148,43 euros.

Das cifras anteriormente sinaladas, hai que sinalar que 147 persoas foron beneficiarias destas achegas pola modalidade de libre concorrencia, é dicir, persoas que non teñen recoñecida ou demandada a dependencia por parte da Xunta de Galicia pero que a través dun informe das traballadoras sociais municipais e cun ditame favorable da comisión de valoración técnica o Concello de Ferrol se encarga de prestar este servizo. Esta cifra supón un incremento do 0,9 % con respecto aos beneficiarios por libre concorrencia durante o 2012. O destinado a esta atención en 2013 ascendeu a 353.226,68 euros; e cómpre sinalar que non houbo lista de espera.

No que atinxe á modalidade de axuda no fogar para dependentes recoñecidos pola Xunta de Galicia, que é cofinanciada polo Concello e os beneficiarios –estes últimos, en función dos seus ingresos- foron atendidas en 2013 un total de 322 persoas e se cubriron máis 13.300 horas de axuda a domicilio. O montante económico desta prestación foi de 2.066.921,75 euros. Martínez Beceiro manifestou que o número de perceptores na modalidade de dependencia aumentou case un 1% con respecto ao ano 2012, que eran 315 os usuarios con axuda a domicilio.

Libre concorrencia sen lista de espera

En resumo, un total de 469 persoas foron beneficiarias do servizo de Axuda no Fogar ao longo do pasado exercicio, tanto pola modalidade de libre concorrencia da que se encarga o Concello de Ferrol como a través do recoñecemento á dependencia da administración autonómica Polo tanto, o investimento total do servizo ascende a 2.419.148,43 euros. A edil Rosa Martínez lembrou que o sistema de axudas para a atención a domicilio de libre concorrencia non tivo lista de espera, polo que se atenderon todas as solicitudes.

20 de xaneiro de 2014 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.