Ferrol adxudica a creación e difusión de recorridos turísticos, edición e produción de audioguías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, aprobou hoxe a adxudicación da contratación da creación e difusión de recorridos turísticos, edición e produción de audioguías e sinalización de fitos. Así, a Xunta de Goberno Local, celebrada esta mañá, acordou que sexa a empresa “Penteo Films, S.L” a que se ocupe deste proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).  Esta proposta foi a que acadou a mellor puntuación por parte dos técnicos municipais entre dúas ofertas que concorreron a este proceso de contratación aberto pola Administración local.

A empresa adxudicataria do proxecto realizará o deseño e execución de recorridos turísticos que teñan o seu inicio e finalización na zona Urban, integrada polos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Canido, e a edición de audioguías mediante ferramentas TIC por un importe total de 61.588 euros (21% de IVE incluído). O prazo de execución será de catro meses. A iniciativa está dirixida tanto a turistas que visiten varios días a cidade como para os que só dispoñan dunhas horas, como por exemplo, os pasaxeiros dos cruceiros. Os obxectivos da proposta turística son atraer o interese da poboación visitante a través do mellor coñecemento da cidade; contribuír á dinamización turística dos barrios da Magdalena, Ferrol Vello e Canido, e favorecer o desenvolvemento económico da zona; a promoción do potencial da zona urbana de Ferrol como espazo turístico; e facilitar aos visitantes unha ferramenta TIC que lles permita coñecer e gozar da cidade naval durante o tempo que a visiten.

Un dos contidos do proxecto é a creación, deseño e elaboración de catro recorridos turísticos: a Ruta Ilustrada, a Ruta modernista, a Ruta das praias e a Ruta dos castelos e miradoiros. Así mesmo, a páxina web do Concello de Ferrol contará cunha ligazón a unha web ou mini site que dirixirá ao visitante segundo o tempo do que dispoña e lle permitirá planificar o seu viaxe con antelación. Neste senso, unha aplicación para teléfono móbil servirá ao turista como guía, onde disporá de toda a información acompañada por contido audiovisual e que gracias ao GPS do propio terminal móbil, permitirá indicar ao visitante cara onde debe dirixirse. Tanto a páxina web como a aplicación móbil irán acompañado de contido audiovisual en cinco idiomas -castelán, galego, inglés, francés e alemán-.

O proxecto tamén contempla a instalación de placas identificativas e paneis informativos en diferentes puntos de interese das diferentes rutas turísticas, así como na Oficina de Turismo Municipal. Ademais, será distribuído material de difusión e publicidade que incluirá códigos QR con acceso á información da web e todas as aplicacións móbiles estarán deseñadas para poder compartir o seu contido nas redes sociais.

20 de xaneiro de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.