Ferrol acollerá, por segundo ano consecutivo, un obradoiro de xardinería con Asfedro
O Goberno Municipal de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social, segue a desenvolver por segundo ano consecutivo o obradoiro ocupacional de xardinería que organiza conxuntamente coa Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro) para usuarios de dita entidade. A actividade ofrece unha formación e orientación laboral para mellorar a empregabilidade dos participantes, ademais de mellorar as zonas verdes do barrio de Caranza. Esta iniciativa foi posta en marcha o ano pasado polo Executivo local que preside Jose Manuel Rey Varela.
Esta segunda edición do taller de xardinería deu comezo o pasado mes de outubro e o módulo formativo se realiza en dúas xornadas á semana -cada unha de catro horas- en horario de tarde. A identificación de plantas ornamentais de exterior, o rego, o abonado, a poda de árbores e arbustos ornamentais, o control fitosanitario e o mantemento de céspedes son algúns dos aspectos que recolle o módulo teórico de formación. A día de hoxe, o alumnado leva impartidas 84 horas das 160 horas totais do obradoiro ocupacional. Así mesmo, os participantes xa traballaron no mantemento de zonas verdes na rúa Armada Española, o parque de Cartaxena, o paseo da avenida do Mar e o parque situado entre a rúa Cádiz e a rúa Armada Española. Ademais e segundo a previsión, os alumnos e alumnos do obradoiro ocupacional de xardinería comezará as prácticas na empresa nos vindeiros meses de febreiro ou marzo. A Concellería de Benestar Social, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, destina 7.000 euros a esta segunda edición do obradoiro ocupacional de xardinería.











