Ferrol acollerá o 26 de abril a fase galega do Club de Debate
O Concello de Pontevedra asinou esta mañá a Addenda ao protocolo de colaboración para o desenvolvemento da fase galega do Club de Debate 2014. No acto celebrado esta mañá no Concello de Ferrol, estivo o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez que participou na presentación da terceira edición da fase galega do Club de Debate no que participarán os concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo.
A fase galega celebrarase no concello de Ferrol, no Teatro Xofre, o vindeiro 26 de abril baixo o tema de debate “Pódese vivir en galego”.
Este proxecto naceu no Concello de Pontevedra e leva xa dúas edicións organizadas conxuntamente por varios concellos que, como noutras ocasións, asumen a responsabilidade que lle atribúe á Administración local o Plan xeral de normalización lingüística no seu cumprimento.
O Club de Debate diríxese a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización da nosa lingua, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Os mozos e mozas participantes traballarán principalmente as habilidades comunicativas e a oratoria ademais de desenvolver un proceso de documentación sobre os temas dos debates que lles permitirá afondar en cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.
Desenvólvese como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega en que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento. Os grupos participan en nome dun centro escolar e deben estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que lle corresponde a un profesor ou profesora do seu centro.
A presente edición do Club de Debate conta con 19 equipos inscritos con máis de 150 mozos e mozas e 18 preparadores/as.
A partir de agora nas diferentes localidades terán lugar as xornadas de formación que se lles ofrece aos participantes co fin de lles dar a coñecer as normas, tempos, estrutura…, a dinámica de funcionamento do certame e favorecer a posta en situación por parte dos membros dos equipos
Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua ou con outros asuntos de actualidade.
As competicións locais ou comarcais organízanse en función do número de equipos inscritos das cales sairán seleccionados os dous equipos de cada comarca ou localidade que asistirán á competición final. A fase final contará con oito equipos, dous por cada unha das catro zonas establecidas:
• Santiago de Compostela, Ames, Rois, Teo e Carballo
• Pontevedra
• Carballiño
• Ferrol
Cada un dos equipos campións comarcais/locais recibirá tamén un premio valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo valorado en 300 euros. O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 20 persoas nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.