Ferrol abre o prazo para inscribirse na campaña de esquí da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Deportes do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós,  informou hoxe da apertura do prazo de inscrición para participar na campaña de esquí que promove a Deputación Provincial da Coruña. Este programa, dirixido a nenos e nenas entre 10 e 13 anos, permitiralles gozar dunha fin de semana de estadía na estación de esquí de San Isidro, na provincia de León.

Os interesados deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ata o vindeiro martes, día 28 de xaneiro, ás 14:00 horas. O número de prazas está limitado a 31 menores e no caso de que a demanda sexa maior, realizarase un sorteo público entre todos os solicitantes. A documentación requirida para formalizar a solicitude para esta campaña de esquí é a seguinte: ficha de inscrición asinada polos pais ou titores legais; xustificado de empadroamento no termo municipal do neno/a; foto tipo carné; fotocopia da tarxeta sanitaria; carné de identidade ou fotocopia do libro de familia; xustificante médico onde consten as alerxias alimentarias ou de calquera tipo, no caso de que o menor teña que seguir un tratamento específico ou doenza; e copia de aboamento da cota de inscrición, que é dun importe de 36 euros.

22 de xaneiro de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.