“Ferrol a escena” dá un novo impulso aos grupos e artistas locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, ten listas as bases da nova edición do programa “Ferrol a Escena 2014”, iniciativa posta en marcha por este Goberno Municipal co obxectivo de apoiar aos artistas e grupos locais e, ao mesmo tempo,  que as entidades veciñais poidan decidir elas as citas culturais que desexan presenciar nos seus locais sociais. Ao respecto, a comisión informativa ordinaria de Cultura, Educación, Deportes  e Turismo ditaminou hoxe de forma favorable as bases de “Ferrol a Escena 2014” propostas polo titular de Cultura, e o seguinte paso será a aprobación definitiva das mesmas en Xunta de Goberno Local, previsiblemente o vindeiro luns, día 3 de febreiro.

García Hurtado explicou que unha vez que a Xunta de Goberno Local dea luz verde ás devanditas bases de participación e estas se publiquen na páxina web oficial do Concello de Ferrol –www.ferrol.es- a Concellería de Cultura abrirá un prazo de 20 días co obxectivo de que os artistas e grupos do municipio de calquera manifestación artística (teatro, monicreques, música…) poidan inscribirse en “Ferrol Escena 2014”. As instancias para apuntarse poderán descargarse da páxina web e deben presentarse no Rexistro Municipal do Concello de Ferrol. A continuación, a Administración municipal abrirá un segundo prazo –nesta ocasión de 15 días- para que as asociacións de veciños de Ferrol escollan elas mesmas oito artistas e/ou grupos (incluídos dous de reserva) da listaxe definitiva de inscritos para que actúen nos seus locais sociais ao longo do presente ano. 

A Concellería de Cultura destina a esta iniciativa 62.100 euros, cos que se financian as actuacións dos artistas e grupos -300 euros por actividade que realicen-. O edil ferrolá destacou que, ademais de axudar aos artistas e grupos locais e de apoiar a cultura local,  Ferrol a Escena “tamén é unha maneira de participación cidadá”, posto que “non é o Concello o que decide qué grupo e actividade se desenvolve nunha asociación de veciños senón que son as propias entidades veciñais as que sinalan ao Concello, neste caso á Concellería de Cultura, que actividade queren”. Así mesmo, e nesta liña de facilitar a decisión directa dos veciños na xestión municipal, García Hurtado lembrou que dende que se iniciou o presente mandato a Concellería de Cultura destina unha media de 20.000 euros ao ano a dotar ou mellorar de medios técnicos os espazos culturais das entidades veciñais, cubrindo as demandas en materia de proxectores, iluminación, son, etc…, que as propias agrupación de veciños transmiten directamente á Concellería de Cultura.

31 de xaneiro de 2014 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.