Ferraz mantén o seu respaldo ao Partido Socialista de Galicia na crise de Ourense
O secretario de Organización do PSOE, Óscar López, explicou este mércores que a dirección do partido actuará cando reciba os informes remitidos polo PSdeG sobre o conflito aberto con cinco edís díscolos de Ourense, para os que pide medidas disciplinarias.
“É unha situación que está a xestionar o PSOE de Galicia e que chegará a Ferraz. Cando chegue, actuaremos”, respondeu López cando se lle preguntou por este asunto, tras asistir a un acto co secretario xeral do PSOE de Castilla-La Mancha, Emiliano García-Page.
A posteriori, fontes de Ferraz consultadas explicaron que a dirección apoia o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro e que, sen prexulgar cáles son as medidas que se tomarán, defende a formulación da dirección galega de que estes edís teñen que cumprir coas súas obrigas.
De feito, este apoio trasladoullo persoalmente o secretario de Organización ao partido en Galicia o pasado venres, durante unha visita a Santiago de Compostela, na que lle garantiu “todo o respaldo” de Ferraz nesta crise e nas decisións que tome “no ámbito da súa competencia”.
Besteiro anunciou o martes a apertura dun expediente disciplinario contra os cinco edís que, dende que o pasado 13 de decembro se ausentaron dunha votación nun pleno deixando o alcalde en minoría, deixaron de asistir ás reunións do grupo municipal e ás xuntas de goberno local.
Ante iso, a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, remitiu a Ferraz “un exhaustivo informe” para documentar os “incumprimentos” dos concelleiros críticos, que contaron co respaldo da dirección provincial en Ourense, liderada por afíns ao exlíder do PSdeG Pachi Vázquez.











