España clasifícase para o Europeo de Polonia
España, con outro baño de balonmán de alto nivel, logrou onte a súa clasificación para o Europeo de Polonia, sen necesidade de esperar ao último día da fase clasificatoria. Onte, contra Ucraína, volveu demostrar que é un equipazo, no que non falta traballo ou sacrificio, pero sobrado de calidade en todas as súas liñas. A única noticia negativa, a lesión de Aleix Gómez, cunha escordadura de nocello.
A presentación do equipo español do día anterior había deixado o listón moi alto, xa que realizaran un partido case perfecto. Así, nos primeiros minutos do choque parecía que os homes de Alberto Suárez estaban un pouco máis espesos. Non se atopaban cómodos en ataque e iso foi moi evidente mesmo para o seu técnico que pediu o primeiro tempo morto no minuto 6 (3-2). A intensidade defensiva dos ucraínos eran altísima e a permisividad dos colexiados tamén, polo que España tiña dificultades para atopar posicións de ataque claras. Pero aínda así, seguían firmes no traballo defensivo e pronto se igualaron as forzas (6-6, min. 16). Os árbitros comezaron a pitar as faltas dos visitantes (e as oportunas exclusións), quen tampouco podían manter ese intenso ritmo de xogo durante todo o choque, polo que a maior calidade dos “pequenos guerreiros” foise impondo aos poucos. Xoan Ledo, na portaría, e Jaime Fernández, en defensa, facían as delicias dos afeccionados do Lalín Area e os hispanos puxéronse por diante (9-6, min. 20) e así alcanzaron o descanso con cinco goles de vantaxe (15-10, e gol do galego Borja Méndez no último segundo).
Tras o descanso, o partido acabouse moi pronto. Cunha saída moi forte, os homes de Súarez aumentaron as distancias (19-13), pero o peor estaba por chegar para os visitantes. Cun parcial de 11-0 España puxo punto e final ao choque cando aínda quedaban máis de dez minutos por diante (30- 13). Ucraína só quería escoitar o son da bucina e xa pensaba no choque de mañá contra a República Checa, onde se xogan o pase para o Europeo.
Iso si, este dez minutos finais permitiron ao público ver sobre a cancha á vez ao catro xogadores galegos, así como as espectaculares paradas de Ledo, que foi cambiado polo seleccionador para que recibise o cariñoso aplauso da súa afección. Ao final, resultado escandaloso (38-16) e a selección española festexou sobre a cancha a súa clasificación para o Europeo de Polonia no mes de agosto.
España, 38: Antonio Bazán (3), Agustín Casado (5), Vicente de Diego, Daniel Dujshebaev (1), David Fernández (1), Jaime Fernández (1), Aleix Gómez (3), Víctor Gutiérrez (5), Xoan Ledo, José María Márquez (1), Borja Méndez (4), Juan Muñoz da Pena, Kauldi Odriozola (6), José Oliver (6), Román Pedreira, Rubén Río (2).
Ucraína, 16: Vladislav Dynin, Dmytro Ilchenko, Tymofiy Tilnenko (1), Roman Chosik (2), Slanislav Androshchuk, Stanislav Karamaz (1), Eduard Kravchenko, Bogdan Cherkashchenko (2), Mykyta Rudenko, Dmytro Artemenko (4), Maxym V´yunyk, Mykhailo Bielous (3), Maxym Voliuvach, Oleksandr Luhin (3), Oleksandr Batsula, Maksym Oleksuk.
Árbitros: Lars Jorum e Kim-Rune Stenhaugmo (Noruega).Excluíron 2 minutos a Dujshebaev e Odriozola por España, e a Ilchenko, Chosik, Rudenko, Artemenko, Bielous, Oleksuk e Tilnenko (en dúas ocasións). Vermella directa para Ilchenko.
Incidencias: Segundo partido da segunda xornada da fase clasificatoria do Europeo Xuvenil Masculino, que se celebra en Lalín. Magnífica entrada no Lalín Area. No palco, o alcalde de Lalín, José Crespo e o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luís Pérez Ouro.











