publicidade hoxe

Entrega de diplomas ás mulleres do curso da Rede Emprende en Valga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaValga
A-
A+
Entrega de diplomas ás participantes

Entrega de diplomas ás participantes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de entrega dos diplomas a unha vintena mulleres que participaron no curso do Programa Rede Emprende en Igualdade que se impartiu en Valga.

Durante estas xornadas, as alumnas recibiron formación e asesoramento en aspectos como a iniciación a Internet e redes sociais, novas tecnoloxías e emprendemento, novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias.

Este programa, que naceu como unha experiencia piloto, ofrece unha serie de cursos de asesoramento, formación e apoio a mulleres potencialmente emprendedoras, en busca de emprego e con ansias de formarse. O obxectivo é axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e concorrencia no mercado actual. A iniciativa inscríbese no VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, da Secretaría Xeral de Igualdade.

Ademais de en Valga, nesta primeira edición, tamén recibiron formación a mulleres de Guitiriz, Quiroga, Leiro, Xunqueira de Ambía, Abegondo, Tui, A Cañiza, O Carballiño e Porto do Son.

Eixe do Plan Galego para a Igualdade

Rede-Emprende en Igualdade responde ao eixe 3 do Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, que busca “outorgar un maior protagonismo ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora”, consonte á Estratexia para a igualdade entre mulleres e homes 2010-2015 da Comisión Europea, que sinala o seguinte: “a independencia económica é un requisito previo para que mulleres e homes poidan controlar as súas vidas e teñan unha auténtica liberdade para elixir”.

20 de xaneiro de 2014 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.